FESTAS

A nova xira de Tom Jones ten as Festas do Apóstolo como única cita en España

02/07/2012 O concelleiro de Festas, Francisco Noya, presentou un avance das Festas do Apóstolo, que se celebrarán entre o 20 e 31 de xullo. Tom Jones, Calle 13, Coti, Milladoiro ou Luar das Lubre son algúns dos nomes xa confirmados.

Francisco Noya indicou que as Festas pretenden ofrecer actividades para todos os públicos e lograr tamén "unha proxección internacional". Ao seu xuízo, esta dimensión lógrase cun artista como Tom Jones, que chega a Compostela o xoves 26 de xullo para actuar na praza da Quintana. Así o referendou David Lago, da promotora Sweet Nocturna, quen apuntou que este concerto "coloca a Santiago no circuíto de grandes eventos do verán".

Tom Jones trae a Santiago os temas do seu último disco e os seus clásicos, no marco dunha xira que ata agora ten a cita compostelá como a única confirmada en España. Poranse 3.000 entradas á venda, ao prezo de 35 euros as cadeiras e 25 euros de pé ou na grada. Neste sentido, o concelleiro e o promotor destacaron o custo asequible das entradas en relación co que soe ser o prezo habitual para un concerto do galés.

As Festas comezarán o 20 de xullo co pregón a cargo do adestrador do Obradoiro, Moncho Fernández. E a continuación, na Quintana, concerto gratuíto de Milladoiro.

A música ten unha cita destacada ao día seguinte no mesmo escenario, onde a Real Filharmonía de Galicia ofrecerá un concerto especial e tamén de balde. O martes 24 acontecerá outro dos concertos destacados, da man de Cadena 100, con Rober Ramírez e Coti, que darán continuidade á noite grande do Apóstolo tras os fogos.

O mércores 25, tamén na Quintana, vez para Calle 13, que chegan a Santiago coa súa xira "Entren los que quieran". O prezo das entradas é de 25 euros. E para rematar as celebracións, o 31 de xullo, e tras os fogos de fin de festa, concerto de Luar na Lubre.

Nesta edición, á que se sumarán outras actividades, non faltarán citas tradicionais como a Festa do Escalo, o Día do Traxe Galego, o Día de Padrón ou as Xornadas de Folclore Galego.

Compartir: