CENTROS SOCIOCULTURAIS

O Grupo de Teatro de Adultos do CSC de Conxo representa "Aquí non paga nin Dios"

28/06/2012 O Grupo de Teatro de Adultos do Centro Sociocultural de Conxo, presenta Aquí non paga nin Dios. Primeira Parte, de Darío Fo. A representación realizarase o venres 29 de xuño, ás 20:30 horas, no propio centro.

O argumento fálanos da situación acontecida polo roubo dunha muller nun supermercado, no que fai cómplice á súa mellor amiga, que oculta a mercancía debaixo das súas roupas, pasando así por embarazada. Ante este feito ten que se enfrontar diante do seu marido e a sociedade.

A historia, que parece estar de actualidade, fala dunha situación creada polas mulleres dun barrio obreiro tras a suba dos prezos. Dende o punto de vista cómico o autor traza unha denuncia social, que indubidablemente nos sitúa no presente actual, de xeito que a súa reactualización faina transcender no tempo e achegarse ao universal.

A obra presenta un humor ácido, mais con certo enxeño, onde tamén cobra presenza a farsa política sobre o poder establecido e a súa inercia. O discurso escénico vaise facendo cada vez máis áxil e dinámico. Nesta primeira parte faise unha presentación dos elementos compositivos da obra, na que os personaxes son como estereotipos, capaces de transmitir o trasfondo social a través dos seus diálogos áxiles e fluídos.

Con base na comedia de enredo, a primeira parte de Aquí non paga nin Dios, cunha duración aproximada dunha hora, irremediablemente nos conduce ao presente. É ata certo punto revelador como o teatro na modalidade cómica pode achegar luces sobre a realidade que vivimos.

Documentos relacionados



Compartir: