TURISMO

Santiago de Compostela sumou en maio por primeira vez máis pernoctacións de turistas estranxeiros que españois

27/06/2012 Santiago sumou no mes de maio de 2012 un total de 110.275 pernoctacións, fronte ás 106.769 que se produciron no mesmo mes do ano pasado, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE). Isto tradúcese nun crecemento do 3,28% respecto dos datos do 2011. Deste xeito, tras un primeiro trimestre no que houbo un descenso nas pernoctacións globais na cidade, súmase o segundo mes consecutivo con crecemento, despois de que as pernoctacións aumentasen un 0,84% dende abril.

O incremento das pernoctacións en Santiago neste último par de meses apóiase no importante crecemento do turismo internacional. Este crecemento fixo que no mes de maio a enquisa do INE rexistrase máis pernoctacións de turistas internacionais que domésticas por primeira vez na cidade, non só considerando o mes de maio, senón calquera mes do ano.

Neste mes de maio houbo 55.906 pernoctacións, que representan un crecemento do 19,21% respecto das pernoctacións internacionais do 2011. Estes 55.906 son tamén o mellor dato de pernoctacións no mes de maio rexistrado polo INE dende o 2005, cando se comezou a facer esta estatística.

No acumulado anual houbo un total de 121.515 pernoctacións internacionais, un crecemento acumulado do 12,62% fronte ás 107.897 dos cinco primeiros meses do ano pasado. O aumento do peso do turismo internacional tamén se comproba mediante outros indicadores, coma a procedencia dos peregrinos ou os datos do aeroporto de Lavacolla. En maio houbo tamén máis peregrinos internacionais que españois, 14.579 fronte a 7.187, segundo os datos da Oficina do Peregrino. E as conexións internacionais de Lavacolla sumaron en maio 27.881 pasaxeiros, fronte aos 22.952 do mesmo mes do ano pasado, segundo os datos de AENA.

Pola contra, o turismo doméstico sigue coa súa tendencia negativa, consecuencia da crise económica no país, que está reducindo dun xeito moi importante os desprazamentos vacacionais dos españois. En maio, o turismo doméstico baixou un 9,19%, en liña co descenso no acumulado anual, que está sendo do 9,20%. As 54.369 pernoctacións deste ano son a peor cifra da serie estatística, confirmando a ralentización do turismo doméstico neste ano, un fenómeno común en toda España.

Turismo de Santiago, en base á situación económica española e as tendencias que amosan os datos no último ano, está focalizando todos os seus esforzos na captación de turismo internacional, especialmente nos seus mercados estratéxicos, entendendo que o desenvolvemento do sector turístico da cidade nos vindeiros anos pasa por modificar a demanda turística da cidade, que ata o momento se apoiaba nunha porcentaxe moi elevada no turismo doméstico.

Compartir: