ALCALDÍA

A Xunta Local de Seguridade escoitou as preocupacións dos veciños do Casco Histórico e das Fontiñas

27/06/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e o subdelegado do Goberno, Jorge Atán, presidiron a reunión da Xunta Local de Seguridade. Nesta ocasión, ademais tratar outros asuntos, como os avances na redacción do Plan Local de Seguridade, o órgano escoitou as preocupacións en materia de seguridade de representantes da asociación veciñal das Fontiñas e de Compostela Monumental.

Segundo explicou o alcalde, "a novidade desta reunión estivo en que tanto o representante veciñal de Fontiñas como o de Compostela Monumental expuxeron a súa visión sobre algúns problemas que afectan ás súas zonas". En concreto, no caso de Fontiñas, explicou, as queixas teñen que ver coas accións dalgunhas "pandillas" e algúns pequenos delitos cometidos neste barrio. Xa no Casco Histórico, o problema vén derivado da presenza de determinadas persoas en lugares como as prazas do Toural e a rúa do Vilar ou a praza de Cervantes, xerando certa inquietude e dificultando o desenvolvemento da actividade comercial.

Nun e noutro caso, o alcalde agradeceu as achegas cidadáns, lembrando en todo caso que as forzas e corpos de seguridade "son coñecedoras" destas situacións, sobre as que se está actuando. Ademais, recalcou a importancia de que os cidadáns denuncien estas condutas delitivas.

Neste mesmo sentido se pronunciou Ángel Currás a propósito das preguntas sobre algúns pequenos delitos producidos nos últimos días na zona de Galeras. En calquera caso, recalcou que "Santiago segue sendo unha cidade segura".

Pola súa parte, o subdelegado do Goberno, Jorge Atán, insistiu na importancia de colaboración cidadá na denuncia destes delitos puntuais. Ademais, felicitouse pola coordinación que en materia de seguridade se está a rexistrar entre os diferentes corpos, plasmada nesta Xunta Local de Seguridade, consolidada xa a través das súas reunións periódicas.

Na reunión tamén se analizaron os avances producidos na redacción do Plan Local de Seguridade, da que se encarga unha Comisión de Coordinación Policial creada especificamente para este fin. O alcalde anunciou que nuns meses estará listo este Plan.

Documentos relacionados



Compartir: