TURISMO

Santiago promociónase en Londres

25/06/2012 Turismo de Santiago participa na City Fair de Londres, un evento para empresas do sector turístico europeo organizado pola Asociación Europea de Touroperadores. A City Fair celébrase nesta xornada no estadio de Wembley. Aínda que o evento conta cunha importante presenza de participantes do sector británico, hai tamén empresas de máis de 25 países europeos.

Trátase dun evento cun formato propio, diferentes ao formato habitual das grandes feiras turísticas. Na City Fair a organización, en base ás características e as solicitudes de cada un dos participantes, establece unha axenda de reunións co obxecto de que as empresas poidan coñecerse e desenvolver proxectos conxuntos, sen perdas innecesarias de tempo, e aforrando así custos tanto para os organizadores como para os participantes.

No día celébranse 32 reunións prefixadas, de 12 minutos de duración cada unha delas. Neste tempo os participantes poden coñecerse, saber cales son os seus obxectivos e saber se pode ser interesante manter a relación posteriormente para chegar algún tipo de acordo. Ademais, ao final da xornada organízase unha recepción máis informal na que se poden reforzar os contactos que se tiveron durante o día e coñecer a novas empresas con intereses comúns.

Turismo de Santiago reunirase principalmente con touroperadores e medios de comunicación británicos, xa que o obxectivo da presenza nesta feira é promocionar tanto a cidade no Reino Unido como a conexión aérea con Londres, operada durante todo o ano por Ryanair, que actualmente é a conexión internacional máis importante por volume de pasaxeiros de Lavacolla.

Nos primeiros cinco meses do ano, a ruta Santiago – Londres tivo 23.928 pasaxeiros, que representan un crecemento do 80,84% respecto dos 13.231 do ano 2011, cando non estivo operativa no primeiro trimestre do ano, e un crecemento do 10,28% respecto dos 21.696 que houbo no Ano Santo 2010, cando si estivo en funcionamento entre xaneiro e maio.

Compartir: