FACENDA

Cecilia Sierra indica que o remanente negativo de tesourería segue xerando unha situación de falta de liquidez e de solvencia

25/06/2012 A concelleira de Facenda e Orzamentos, Cecilia Sierra, presentou a liquidación do orzamento de 2011, tras pasar o documento pola Comisión Informativa de Presidencia, Réxime Interior e antes de dar conta do mesmo nun Pleno previsto para o xoves 28. A liquidación municipal 2011 deixa un resultado orzamentario de 6.013.631 euros e un remanente negativo de tesourería de 1.401.111 euros.

A liquidación reflicte unha previsión de investimentos de 138.621.841 euros e uns dereitos recoñecidos de 108.362.866 euros, o que se traduciu nun grao de ingresos executados dun 78,17%. No capítulo de gastos, os créditos previstos eran de 138.621.841 euros, mentres que a obrigas finalmente recoñecidas foron de 94.965.997 euros, sendo o grao de execución do 68,51%.

Para Cecilia Sierra, este superávit orzamentario é "unha situación puntual e para nada indicativo no tempo". Ademais, referiuse a dúas medidas que considera que influíron en acadar esta cifra final dende a entrada do novo Goberno municipal: o control do gasto e as novas circulares de gasto postas en marcha.

Sobre o remanente negativo, a concelleira explicou que se trata dunha "situación endémica neste Concello", que provoca unha situación de "falta de liquidez e de solvencia", malia terse reducido este balance negativo en máis dun millón de euros en relación aos 2,6 millóns existentes en 2010. Neste sentido, recordou que o superávit de 2,7 millóns de euros para este exercicio 2012 se dedicará en parte para reducir ese remanente negativo e en parte para amortizar débeda, tal como obriga neste caso a Lei de Estabilidade Orzamentaria.

A propósito de remanentes, indicou que existen 11 millóns, a maioría procedentes de actuacións urbanísticas. Para esta cantidade, dixo, "o obxectivo é cambiar a finalidade dos remanentes para establecer prioridades en política de investimento".

Xa falando de estabilidade, Sierra apuntou que o 2011 deixou un dato positivo, xa que se pasou dunha cifra de 360.416 euros, que xeraban inestabilidade, a ter capacidade de financiamento por importe de 1.505.303 euros. Neste eido financeiro, indicou que se cumpriu co Plan Económico e Financeiro, e que non será preciso someterse a un novo. A concelleira afirmou que o Goberno municipal aposta pola "senda da estabilidade" e pola "tendencia ao déficit cero".

Finalmente e en relación á débeda, a financeira alcanza os 55.873.483 euros, aos que a edil sumou os 7.891.142 euros da devolución da participación nos ingresos do Estado (PIE), sendo a débeda total a finais de 2011 de 63.764.625 euros. Respecto a esta cifra, subliñou que cando o actual Goberno municipal tomou posesión, a débeda era de máis de 70 millóns de euros. Neste capítulo indicou que recente o crédito de máis de 12 millóns de euros para o pago a provedores "era obrigatorio e non se podía facer doutra forma", porque unha operación de tesourería "obrigaría a ter que devolver esa cantidade antes de que rematase o ano".

Compartir: