MANCOMUNIDADE DE SANTIAGO

Sánchez Bugallo visita aos emigrantes composteláns de Arxentina e Uruguai

27/04/2006 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, emprende unha visita institucional a Arxentina e Uruguai, na que manterá xuntanzas con colectivos composteláns e da mancomunidade e asinará diversos convenios. Acompáñano nesta viaxe, do 28 de abril ao 5 de maio, a concelleira de Emigración e Inmigración, Teresa Regúlez, o alcalde de Ames, Carlos Fernández, e o de Brión, Xosé Luis García.

A primeira etapa da súa viaxe levará a Sánchez Bugallo á cidade de Bos Aires, onde manterá unha reunión cunha ampla representación dos máis de 2.000 veciños de Santiago que viven nesta provincia arxentina. Posteriormente, o alcalde e o resto da delegación xuntaranse cos veciños da Mancomunidade de Santiago, que alcanzan os 6.000.

Ademais doutras visitas, o programa inclúe a sinatura de dous convenios: un coa Casa de Vedra, para a creación dunha oficina da Mancomunidade; e outro co colexio Santiago Apóstol, coa fin de subvencionar o transporte escolar.

A seguinte parada da expedición será á cidade Montevideo, onde viven preto de 2.000 veciños da Mancomunidade, dos cales uns 700 son de Santiago. Na capital asinarase un convenio coa Casa de España, que permitirá subvencionar a estancia neste centro de anciáns sen recursos. O Concello de Santiago achegará 6.000 euros para esta iniciativa.

Compartir: