DEPORTES

Santiago acolle o Galician Celtic Challenge de esgrima o 23 e o 24 de xuño

22/06/2012 O campionato internacional de esgrima de veteranos Celtic Challenge chega por primeira vez a España e faino a Santiago de Compostela. A competición celebrarase o sábado 23 e o domingo 24 de xuño no pavillón Lorenzo de la Torre.

O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou esta competición, que de celebrará ás tres armas (florete, sable e espada nas categorías masculina e feminina. Ademais, haberá competición por equipos entre rexións celtas e para ao gañador desta modalidade entregaráselle o tradicional Trofeo Dragón.

A competición realízase nunha categoría única de idade, a partir dos 40 anos. Os tiradores participantes, uns 50 en total, proceden das seguintes rexións celtas: Bretaña francesa, Cornualles, Escocia, Irlanda, Gales, Asturias e Galicia.

Entre os competidores que estarán presentes en Santiago cómpre citar a campiona do mundo en sable individual e campiona europea por equipos, Jane Hutchinson, de Cornwell; a campiona do mundo en Porec (Croacia) e campiona europea en Hennin Beumont (Francia), a galesa Carol Wengraf; o bronce individual e prata por equipos na pasada edición do Celtic Challenge celebrada en 2010 en Cornwell, Manuel Seijas; ou a ouro en Espada, ouro en florete e prata por equipos en espada na citada proba, Rosa Cano. Tamén participarán tres campións galegos en 2012: Manel Villadóniga, Xosé Piñeiro e Rosa Cano.

Ás 9:00 horas do sábado 23 realizarase a primeira chamada da competición, que se desenvolverá ata o mediodía do domingo 23. En torno ás 15:30 horas entregaranse os trofeos deste Galician Celtic Challenge.

Nas últimas edicións (2008 e 2010) Galicia enviou participantes que gañaron medallas de oro e de bronce en espada e florete tanto en feminino como masculino, en categoría individual e por equipos.

Documentos relacionados



Compartir: