ECONOMÍA

O Concello organiza cursos para afrontar os procesos de selección das empresas

22/06/2012 A concelleira de Economía, Reyes Leis, presentou o Curso de selección e liderado, que ten por obxectivo preparar os asistentes ante os diferentes procesos de selección que seguen as empresas á hora de contratar ao seu persoal. O curso desenvólvese dentro do programa Santiago Investors Support, que ten por obxectivo contribuír á dinamización económica da cidade. A concelleira estivo acompañada da técnica responsable do servizo de Economía do Concello, Carme Casado.

Reyes Leis apuntou que no programa inicial do Santiago Investors Support, que se elaborou a comezos de ano en base ás suxestións das dez entidades empresariais que colaboran na iniciativa, este curso estaba previsto para o último trimestre do ano.

Non obstante, tendo en conta a próxima apertura do centro comercial da Cancelas e os procesos de selección que desenvolverán moitas das empresas que se instalen no centro, decidiuse adiantar o curso ao mes de xullo. Ademais, apostouse por que fose na primeira quincena para servir de complemento á II Feira Internacional de Emprego, organizada pola Concellería de Emprego, que terá lugar os días 19 e 20 de xullo.

O Curso de selección e liderado ten 45 prazas, que se distribuirán en tres grupos. O curso é gratuíto e a inscrición pode facerse a través da web da Concellería, www.maiscomportela.org, onde poden consultarse as bases completas dos cursos. O curso celebrarase no CERSIA, edificio municipal para a dinamización económica da cidade. Máis información no número de teléfono 981 54 24 93.

Documentos relacionados



Compartir: