NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O obradoiro "Express-Até" promoverá o uso do galego a través da escrita creativa

22/06/2012 A concelleira de Educación e Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, presentou o obradoiro de escrita creativa Express-Até, que se desenvolverá en varias sesións ao longo do mes de xullo no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche. Está dirixido a rapaces e rapazas entre 12 e 18 anos e a participación é gratuíta.

Rebeca Domínguez considerou o verán como a época idónea para un obradoiro como este que pretende "reforzar o uso da lingua galega traballando con contidos que lles poden interesar, neste caso a creatividade e as tecnoloxías da comunicación, poñendo de manifesto o rendemento do noso idioma como materia prima da creatividade expresiva". Así o afirmou tamén Raul Piñeiro, monitor da actividade, que destacou o carácter lúdico e participativo do obradoiro.

Express-Até é un obradoiro de guións e escrita creativa dirixido á xente nova. Pretende promover o uso do galego achegando os rapaces e rapazas ao mundo da escrita dunha forma alternativa e mellorando as súas habilidades comunicativas. Ademais, será unha actividade que promoverá o traballo en equipo.

Neste taller, impartido por Tinta de Lura, empregaranse formatos e contidos actuais. En cada sesión abordarase un espazo e diferentes xeitos de afrontar a escrita, a redacción de textos e guións esquemáticos e de mensaxes relacionadas coa xente nova: a curtametraxe, as mensaxes en rede (blogs, post, redes sociais, msn), o guión no cómic, as mensaxes urbanas (muros, portas, paredes), a publicidade e o sketch.

O obradoiro completarase cun espazo en internet (expressate.santiagodecompostela.gal) no que os participantes poderán compartir as súas creacións, publicar e ligar novidades sobre avances nos diferentes proxectos creativos que desenvolvan, difundir as súas obras, e que servirá para dar saída ao traballo realizado e establecer un punto de encontro e comunicación entre os participantes.

A inscrición estará aberta ata o 30 de xuño e poderá realizarse nos departamentos de Lingua Galega (dlg@santiagodecompostela.gal ou 981542409) ou de Xuventude (dptoxuventude@santiagodecompostela.gal ou 981543001). O obradoiro constará de doce sesións de hora e media cada unha a desenvolver de 11:00 a 12:30 horas os días 2, 4, 6, 9, 11, 13, 16, 18, 20, 23, 27 e 30 de xullo. Este programa conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Compartir: