EMPREGO

A Mesa Local polo Emprego perfila o calendario de accións para o exercicio

22/06/2012 Reuniuse en Raxoi a Mesa Local polo Emprego, na que se definiu o calendario de accións para este exercicio, ás que se destinarán 120.000 euros. A busca de sector emerxentes ou das profesións máis demandadas serán algúns dos eixes nos que se traballará. Nos vindeiros días, asinaranse os convenios coas entidades participantes nesta Mesa nos que se concretarán as accións a executar. Estas actividades enmárcanse no Pacto Local polo Emprego de Santiago, que está cofinanciado polo Fondo Social Europeo.

A concelleira de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, Paula Prado, deu conta do tratado na reunión, destacando entre as accións acordadas dous estudos, un para a detección de sectores emerxentes e novos nichos de emprego e outro de análise de profesións máis demandadas no mercado laboral actual.

Tamén falou a edil dalgunhas das propostas realizadas polas entidades que forman a Mesa: Cámara de Comercio, Asociación Hostalería Compostela, sindicatos, Plataforma polo Emprego, Universidade de Santiago e Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre. Así, salientou a demanda de todas elas de maior "axilidade" na Administración para así favorecer a creación de empresas. O Concello xa vén dando pasos neste sentido, con medidas como a creación do Rexistro Auxiliar de Urbanismo ou a modificación de varias ordenanzas.

Outra das propostas partiu da USC e demanda a creación dun observatorio de emprego destinado a seguir o percorrido dos licenciados unha vez rematadas as súas carreiras académicas. Por parte dos empresarios expresouse a necesidade de dispor dunha bolsa de profesionais cualificados á que se puidera acceder de inmediato. A propósito deste tema, amosáronse satisfeitos pola creación da Axencia Local de Colocación, que favorecerá a atención a esta demanda.

Finalmente, na reunión abordouse a vindeira II Feira Internacional de Emprego, que se celebrará os días 19 e 20 de xullo e na que os axentes integrantes da Mesa participarán activamente. Ademais, formuláronse suxestións como a de incluír na Feira un espazo específico sobre o cooperativismo, sobre todo ligado ao coidado dos maiores e da infancia.

Documentos relacionados



Compartir: