PLENO

O Pleno aproba un orzamento definido polo alcalde como "social e realista"

22/06/2012 O Pleno municipal aprobou inicialmente, cos votos favorables do grupo de Goberno, o orzamento e o cadro de persoal do Concello para o ano 2012. As contas do Concello para este exercicio prevén uns gastos de 89.859.778 euros e uns ingresos de 92.580.508 euros. Na súa intervención de peche do debate, o alcalde definiu este orzamento como "social e realista".

A concelleira de Facenda e Orzamentos explicou as principais características dunhas contas que, na súa presentación pública, cualificou como austeras e marcadas polo incremento das partidas sociais e a priorización dos investimentos.

Os gastos diminúen 5.368.181 euros (-5,64%) respecto ao exercicio 2011, mentres que os ingresos mingúan en 2.647.461 euros (-2,78%). Así pois, as contas de 2012 apróbanse cun superávit de 2.720.720 euros.

O orzamento consolidado –sumadas as sociedades municipais INCOLSA, TUSSA e EMUVISSA e o Auditorio de Galicia- presenta unha previsión de gastos de 94.302.593 euros, isto é 23.382.759 euros menos (-19,87%) que en 2011. Presupóstanse 97.252.073 euros de ingresos, 20.582.205 euros menos (-17,47%) que no anterior exercicio. O superávit alcanzaría os 2.949.479 euros, sumando ao superávit do Concello o previsto por TUSSA de 228.759 euros.

O Auditorio de Galicia terá un orzamento equilibrado (igual en ingresos e gastos) de 2.802.185 euros, polos 1.378.427 euros de INCOLSA e os 2.118.113 euros de EMUVISSA. O orzamento de ingresos de TUSSA será de 1.777.164 euros e o de gastos de 1.548.405 euros.

Compartir: