NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Entregados os premios do certame de curtas en galego "Nós tamén creamos!"

21/06/2012 A concelleira de Educación e Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, participou na entrega de premios do certame Nós tamén creamos!, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración coa Compañía Radio Televisión de Galicia (CRTVG) e con OQOeditora, no marco do programa de dinamización lingüística homónimo. O acto celebrouse no auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura.

Este certame buscaba incentivar o uso da lingua galega nas franxas máis baixas de idade, en novos espazos e soportes, nomeadamente no audiovisual; favorecer a innovación educativa para promover xeitos cada vez máis efectivos de aprendizaxe de linguas; promover unha relación positiva dos rapaces coa lingua propia de Galicia, ao relacionala co audiovisual e coas TIC; abrir unha nova oportunidade para que as nenas e nenos se acheguasen á lectura en galego; fomentar a creatividade en lingua galega e difundir as posibilidades de ocio en galego que ofrece a CRTVG.

O xurado tivo que valorar as máis de 60 curtas de animación en galego presentadas polos 50 centros de educación infantil e primaria que concorreron ao concurso para elixir os gañadores. Así, na modalidade de infantil foi galardoado o traballo A tartaruga que quería durmir, do CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños; no primeiro ciclo de primaria, recibiu premio Lobo feroz, elaborado por profesorado e alumnado do CPI Santa Lucía de Moraña e, no segundo ciclo de primaria, resultou premiado o CEIP Felipe de Castro de Noia pola curta A máscara do león.

De acordo coas bases do concurso, o profesorado que elaborou estas tres curtas foi recoñecido con 20 horas de innovación educativa e o seu centro recibirá unha pantalla de plasma de alta definición, un lote de libros de OQOeditora e mais un diploma acreditativo.

A alta calidade dos traballos recibidos motivou que a comisión de selección decidise outorgar tamén catro mencións ás curtas Maxia, A vella Lulula, Un can e un gato e A máscara do león elaborados nos colexios Felipe de Castro, Vilagarcía de Arousa, Ponte da Pedra e San Benito de Lérez, respectivamente. Ademais, a CRTVG emitirá outras moitas curtas que, a pesar de non resultaren premiadas, teñen abonda calidade estética, lingüística e técnica.

As curtametraxes premiadas poden verse na páxina da Secretaría Xeral de Política Lingüística (http://www.xunta.es/linguagalega/nos_tamen_creamos) e mais na sección infantil do web da CRTVG (http://www.crtvg.es/infantil/nos-tamen-creamos).

Ademais da concelleira, participaron no acto o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director xeral de Educación e Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; a directora-xerente da CRTVG, Rosa Vilas; e o responsable da área de comunicación de OQOeditora, Marcos López. A cerimonia foi conducida pola actriz Uxía Blanco e incluíu a proxección das tres curtas gañadoras.

Compartir: