EDUCACIÓN

Compostela celebra o Día Europeo da Música con concertos en varios espazos da cidade

21/06/2012 A concelleira de Educación e Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, convidou os composteláns a sumarse ás actividades programadas con motivo do Día Europeo da Música. Ao longo desta xornada do xoves 21 celebraranse varios concertos e veladas musicais en diferentes espazos da cidade.

As actividades deste Día Europeo da Música comezan na praza das Praterías. Ás 18:00 horas, concerto didáctico Os cantos do país do xeo, pola Escola Municipal de Música. Á mesma hora, pero na praza de Feixóo, aula aberta de nenos e nenas de Música e Movemento da Escola de Música Berenguela.

Tamén en Praterías, ás 18:30 horas, concerto da Orquestra de Corda da Escola Municipal de Música. Ao tempo, na praza de Feixóo, actuación dende os balcóns e o vestíbulo aberto da Escola Berenguela.

A xornada tamén inclúe un concerto da Escola Estudio, ás 18.30 horas, no Casino de Santiago. Media hora despois, de novo en Praterías, concerto da Banda da EMMSC. Este mesmo escenario acolle ás 20:00 horas o concerto do Cuarteto de Clarinetes da Escola.

O Día Europeo da Música pecharase en Santiago, ás 21:00 horas, na praza de Feixóo, cunha velada musical da Escola Berenguela: Trío de Cello, Violín e Piano. Antes, ás 19:30 horas, a igrexa das Ánimas acollerá outra das actividades especiais da xornada, unha exposición do órgano ibérico da Capela da Real Confraría das Ánimas.

Venres 22
O programa desta celebración continuará aínda o venres 22 de xuño rematará con outras catro actividades musicais. A primeira celebrarase a partir das 17:00 horas no Hospital Clínico, onde actuarán o Coro de Nenos e solistas da Escola Estudio. Media hora despois, pero na praza Roxa, concerto da Orquestra da Escola Municipal de Música. Ás 19:00 horas, tamén nesta praza, concerto da Banda da EMMSC e, ás 20.00 horas, no Casino, concerto de peche polo profesorado e alumnado da Escola Municipal de Música.

Documentos relacionados



Compartir: