CULTURA

Chambao, unha das propostas de Sons 2012 para o último trimestre do ano

20/06/2012 A programación de Sons 2012 neste semestre chega ao seu fin o xoves 21 de xuño co concerto da irlandesa Sharon Corr. Pero á volta do verán chegarán novas propostas de música variada e de calidade. Chambao será unha delas e poderemos escoitalos no Auditorio de Galicia o 19 de outubro dentro da xira mundial de presentación do seu quinto disco de estudo. As entradas para este concerto están xa á venda a un prezo de 20 € (custarán 23 € o día do cocnerto). Poden adquirirse na billeteira do Teatro Principal, en Novagaliciabanco ou na Rede Ticketmaster.

"Chambao" é unha palabra malagueña e fisicamente é un espazo feito con sinxeleza. O seu teito, feito de follas de palmeiras ou canas e catro paus de madeira, levanta un refuxio ou acubillo onde o señor espeteiro cobre o seu corpo do sol e o vento para facer espetos de sardiña e demais peixe… Son de ondas, mansa area, amigos e música, o chambao non se reduce ao efémero espazo levantado cara ao mar con mantas e coxíns, iluminado por unha fogueira; é máis ben un sitio onde priva o xúbilo sinxelo pola vida.

O chill out distínguese doutras formas de música electrónica porque non procura ritmos de transo, nin de estridencia, moi ao contrario realízase nun tempo lento, opóndose á enaxenación e vertixe característicos da vida urbana na nosa sociedade global. Da afortunada fusión de sensualidade, paixón flamenca, 3x4, tangos, rumbas e a electrónica do chill out, obtense Chambao.

No ano 2001 Lamari (voz) e os curmáns Daniel Casaña (compositor e guitarra) e Eduardo Casaña (compositor e guitarra) amigos e veciños, comezan a compartir momentos musicais no barrio de Pedregalejos, Málaga. Pouco despois coñeceron a Henrik Takkenberg (produtor) e maquetan as cancións do que foi o seu primeiro disco Chambao, Flamenco Chill (un dobre cd compartido, onde Chambao mostra a súa forma peculiar de sentir e facer música xunto con outros grupos e artistas).

A mestura da fusión do flamenco e de música electrónica ambiental a modo de instrumentos desembocou nun concepto musical á vez español e cosmopolita. No ano 2003 sae o seu primeiro disco en solitario, Endorfinas en la mente, coa produción de Bob Benozzo e tamén do álbum Pokito a poko (2005). A partir de aquí Lamari comeza un camiño en solitario liderando o grupo Chambao. Imprimindo paixón ás letras, convencida.

Comparte vivencias e colaboracións con distintos grupos e artistas como Enrique Morente, Mojo Project, El Bicho, Bebe, Estrella Morente, Macaco, Jarabe de Palo, Javier Ruibal, Cesárea Évora, Ricky Martín, Antonio Orozco, Tabletom, Peret, La Shica, Miguel Rios, Serrat, Lila Downs, Estopa, Calima, La Guardia…

Co disco Con otro aire (2007) Lamari mergúllase na produción xunto a Bob Benozzo, Ale Acosta (dj e guitarra) e Roberto Cantero (flauta e saxo). É un disco que se abre a oriente e a occidente, ao norte e ao sur mantendo unha sólida raíz mediterránea e sureña. Buscando outras influencias e latitudes nos sons frescos e étnicos onde as súas letras falan de cousas que lle inflúen, preocupan e divirten: "a música é a sensación máis próxima ao sentimento, ao amor, á liberdade, é moi difícil definir con palabras, con etiquetas, e o ser humano tende a etiquetar a todo o que a mente non chega".

Xa case a finais de 2009 Chambao viaxa ata o glaciar do Perito Moreno na Patagonia Arxentina para facer un concerto moi especial sen público. Chambao, No fin do mundo.

Ademais das reflexións que suscita o escenario sobre o cambio climático e demais delitos contra a natureza, escoitando temas como "Detalles", canción que abre o disco, "Caprichos de colores", ou "Despierta", o oínte é convidado a soñar, a crer e a ser consciente de que outros mundos non só son posibles senón que tamén son necesarios.

Mundos de ilusión e ritmos pegadizos mestúranse con pinceladas poéticas de sentimento e emocións.

A música "é un ser vivo, e como tal, debe desenvolverse, medrar e adaptarse ao medio"; o sorprendente na súa proposta é a unión harmónica de tradición e innovación tecnolóxica, á vez que as súas letras crean unha atmosfera de purificación musical.

Chambao, ademais de música, é tamén desexo manifesto por unha vida con sentido.

Dez anos despois, Chambao continúa o seu rumbo a porto; navega, cheira a sal, a sol, a mar, a vida… a música.

Compartir: