URBANISMO

María Pardo resalta a transformación de Urbanismo nun departamento "máis eficiente, áxil e eficaz"

20/06/2012 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, compareceu en rolda de prensa para facer balance do primeiro ano á fronte do Departamento. Defendeu a transformación realizada na súa estrutura, transformándoa nunha Concellería "máis eficiente, áxil e eficaz". Entre as actuacións máis salientables, citou a creación do Rexistro Auxiliar de Urbanismo, a actualización da normativa municipal ou os traballos para o coidado dos espazos públicos na Cidade Histórica.

Unha das actuacións máis importantes da Concellería foi a posta en marcha o 1 de febreiro do Rexistro Auxiliar de Urbanismo, que permitiu unha axilización de todo tipo de trámites, a eliminación de trabas burocráticas e a dinamización da actividade urbanística en particular e económica e empresarial en xeral. Así, o Rexistro tense convertido nun instrumento útil e eficaz para garantir o dereito cidadán a presentar escritos, solicitudes, alegacións, e calquera outra clase de documentación, e para solicitar información sobre requisitos técnicos e xurídicos.

Nos seus primeiros catro meses, a oficina recibiu 752 documentos de entrada rexistrados e 385 de saída. Tramitáronse 310 expedientes de licenzas de obra maior e outros 93 de obra menor, xerando 433.000 euros de liquidacións.

Oficina da Cidade Histórica e Rehabilitación
A edil resumiu a continuación as medidas adoptadas polos distintos servizos que agrupa a Concellería. Así, no caso da Oficina da Cidade Histórica e Rehabilitación (OCIHR), a primeira medida foi a unificación na propia Concellería de Urbanismo, actuando deste xeito cunha "unidade de criterio".

Entre as súas actuacións nos últimos meses destaca a actualización de varias normativas municipais, creando novas ordenanzas reguladoras das terrazas e quioscos de hostalería, de publicidade e rotulación, da inspección técnica de edificacións e da instalación de ascensores.

No referente ás actuacións nos espazos públicos, María Pardo subliñou a retirada de numerosos elementos de mobiliario urbano deteriorado, como cabinas telefónicas ou paneis publicitarios, e o adecentamento doutros. Caso especial é o da praza de San Roque, recuperando a súa imaxe. Nos vindeiros meses repararase a fonte. Falando de fontes, comezouse a inspeccionar o estado de cada unha das 70 fontes do Casco Histórico. Proporase ao Consorcio que a escola taller da Fundación Laboral colabore no mantemento das fontes.

A edil falou doutras actuacións en marcha, como a futura demolición da Casa da Xuventude, a reparación dos cruceiros de Pardaces e Costa Vella ou a colocación de novos bolardos en San Clemente. Ademais, a OCIHR colabora co Ministerio de Cultura e a UNESCO na reelaboración do texto de declaración de Santiago como Patrimonio da Humanidade.

Respecto ás áreas de rehabilitación integral (ARIS), continuouse cos traballos de rehabilitación das ARIs de Vista Alegre, Casco histórico e Pontepedriña. Ademais da tramitación de subvencións para reparar vivendas nestes tres ámbitos, asináronse tres novos convenios co Ministerio de Fomento que van permitir que se destinen máis de dous millóns e medio de euros a estes traballos de rehabilitación. Tamén se mantiveron reunións coas comunidades de Vista Alegre e déronse os primeiros pasos para futura demolición das terrazas e a posterior reurbanización do barrio. Igualmente, hai contactos cos veciños de Ramírez para subvencionar obras de rehabilitación de vivendas.

Licenzas e disciplina urbanística
No eido do Servizo de Licenzas e Disciplina Urbanística, comezou salientando a posta ao día de máis de 500 expedientes sen resolver e a mellora sensible dos tempos de outorgamento de licenzas. Entre o 1 de xullo de 2011 e o 6 de xuño de 2012 tramitáranse 51 cambios de titularidade, concedéranse 164 licenzas de apertura e outras 211 de obras maiores. Outórgase unha media de 70-80 licenzas de obra menor ao mes e faise por regra xeral nun prazo medio de tres días.

Doutra parte, modificouse a Ordenanza de Actividades, establecendo a comunicación previa ou a declaración responsable como mecanismo ordinario de intervención xunto ás tradicionais licenzas. O obxectivo é permitir que a actividade dos cidadáns poida desenvolverse sen obstáculos inxustificados, invertendo o control previo que supón a licenz por un control a posteriori.

Un punto de traballo importante é a legalización de construcións e actividades dunhas 470 empresas polígono do Tambre. Así, iniciouse o proceso e xa se outorgaron as primeiras licenzas neste 2012, que permiten regularizar actividades que se viñan desenvolvendo de forma irregular. Nesta liña de traballo, os titulares das empresas poderán, en adiante, reunir a documentación necesaria para presentala no Concello e obter os papeis que os sitúen dentro da legalidade. O Concello tamén lles prestará colaboración e asesoramento.
Outro dos fitos importantes deste primeiro ano foi a delegación no Concello das competencias para autorizar as obras no ámbito do perímetro azul que ata agora tiña a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural y ao Comité Asesor do Camiño de Santiago no Concello de Santiago. Esta delegación suporá unha importante axilización da tramitación.

Servizo de Planeamento
O Servizo de Planeamento tamén veu realizando un imporante traballo, comezando polo análise dos efectos e problemas derivados do actual Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). De aí deriváronse diversas modificacións puntuais.

No referente ao planeamento de desenvolvemento, a concelleira destacou o inicio da tramitación do Plan Especial de Protección e Acondicionamento do Parque Arqueolóxico da Rocha; a aprobación definitiva do Proxecto de Compensación do SUP 1 de Romero Donallo e a aprobación definitiva do Plan parcial do SUD-14 de Monte do Seixo.

Documentos relacionados



Compartir: