ECONOMÍA

Cento cincuenta empresas participan na xornada Getting Contacts!

19/06/2012 A concelleira de Economía, Reyes Leis, inaugurou a primeira Xornada de Cooperación Empresarial Getting Contacts! de Santiago de Compostela, que se celebra dentro do programa Santiago Investors Support, da Concellería de Economía. Na xornada colabora a Xunta de Galicia a través de Bic Galicia, que estivo representada pola súa responsable, Maite Cancelo.

Getting Contacts! ten coma obxectivos fortalecer as empresas locais, facilitando os contactos e o networking, xerar novas oportunidades de negocio, atraer a empresarios de outras poboacións e abrir as portas a novas inversións.

Nesta xornada, que se celebra no Hotel AC Palacio del Carmen, participan 150 empresas, de tal xeito que se cubriron todas as prazas dispoñibles. A organización das xornadas, que ten experiencia en máis de cen eventos destas características por toda España nos que teñen participado máis de 7.000 persoas, garante que cada participante poderá entrevistar cun mínimo de dez empresarios con intereses comúns para atopar novos clientes e provedores, novos socios e proxectos, mellorar a súa rede comercial ou atopar potenciais inversores.

A inscrición, gratuíta, facíase cubrindo un formulario de inscrición no que se fixaban as características de cada empresa e o es seus intereses para conseguir as entrevistas máis interesantes para cada un dos participantes.

Creatividade sen escusas
A pasada semana abriuse o prazo de inscrición no obradoiro Creatividade sen escusas, dirixido a emprendedores e empresarios co obxectivo de amosar as virtudes da creatividade nos diferentes ámbitos dunha empresa e nos diferentes sectores empresariais. A inscrición, de balde, pode facerse na web da Concellería www.maiscompostela.org.

Os asistentes poderán ter unha visión xeral das tendencias que teñen maior impacto na forma de facer negocios, recoñecer e entender o papel da creatividade no mundo dos negocios, identificar en que aspectos do negocio poden aplicarse técnicas de creatividade, aplicar as técnicas aprendidas a distintas situacións e desafíos profesionais e empresariais, mirar e comprender a realidade dende unha perspectiva diferente, buscar activamente as oportunidades que hai detrás dos desafíos e implementar novas prácticas no ámbito profesional que faciliten a xeración de novas e mellores ideas.

Compartir: