FACENDA

A aposta polas políticas sociais e a dinamización económica plásmase na suba das partidas para este fin no orzamento 2012

19/06/2012 A concelleira de Facenda, Cecilia Sierra, deu conta da reunión da Comisión Informativa de Presidencia, Réxime Interior, Facenda e Especial de Contas á que se levou o orzamento 2012. Anunciou que as contas se aprobarán inicialmente nun pleno ordinario o venres 22.

Non hai novidades respecto ao orzamento presentado hai uns días pola concelleira de Facenda e que na comisión recibiu o voto favorable do PP e o negativo de PSdeG-PSOE e BNG. Así, cómpre recordar que o orzamento consolidado, incluído o Auditorio e as sociedades municipais, alcanza os 94.302.493 euros de gastos e os 97.252.073 euros de ingresos. Tomando unicamente o Concello, o orzamento de gastos é de 89.859.788 euros, e o de ingresos de 92.580.508 euros.

Cecilia Sierra salientou unha vez máis que as contas municipais se presentan cun superávit superior ao esixido legalmente, por importe de 2.720.720 euros, co fin de "fixar as bases do equilibrio financeiro, da estabilidade orzamentaria e de atender o obxectivo do déficit cero". Se falamos do orzamento consolidado, o superávit alcanza os 2.949.479 euros, sumando o superávit de 228.759 euros previstos por TUSSA.

Para a edil, tamén é importante o feito de presentar un orzamento municipal cunha estabilidade de 10.780.650 euros e un aforro neto de 5.297.000 euros. A estabilidade do orzamento consolidado chega aos 11.009.409 euros.

Por concellerías, rexistran subas as partidas destinadas ás áreas de Barrios (9,89%), Medio Rural (12,16%), Comercio (7,89%), Benestar Social (12,05%) e Seguridade Cidadá e Mobilidade (5,78%). O resto de departamentos ven reducidos os seus orzamentos. Indicou que a suba dos dous primeiros se debe sobre todo a que nos mesmos se concentran as inversións en mantemento. No caso de Mobilidade, contémplanse partidas novas como a do mantemento do túnel do Hórreo.

Liquidación 2011
Finalmente e a propósito da liquidación do orzamento de 2011, Cecilia Sierra tamén anunciou que se presentará nos vindeiros días para a súa aprobación en Pleno. Indicou que non se deu conta da mesma ata o momento porque falta por incorporar o informe de estabilidade orzamentaria, especialmente importante ao rematar en 2011 o Plan Económico e Financeiro ao que estaba sometido o Concello. Analizado o mesmo, adiantou que se cumpriu e que non haberá que elaborar outro.

A liquidación prestarase cunha estabilidade de 1,5 millóns de euros, aínda que segue sendo negativo o remanente de tesourería en 1,4 millóns. "Creo que en 2012 imos poder resolver este aspecto", engadiu a concelleira.

da primeira tenente de alcalde e concelleira de Economía e Turismo, Reyes Leis, e da voceira do goberno, Paula Prado, para dar conta da Comisión informativa de Presidencia, Réxime Interior, Facenda e especial de Contas.

Dinamización económica
Acompañaron a Cecilia Sierra na rolda as concelleiras de Economía, Comercio, Turismo e Mercados, Reyes Leis; e de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, Paula Prado, que se referiron ao incremento das partidas dos seus departamentos e as liñas polas que o Concello aposta nestas materias. Así, un dos obxectivos é a dinamización económica, plasmada no turismo, no comercio e no apoio ao emprendemento.

Respecto ao turismo, Reyes Leis destacou a eliminación nos últimos meses de gastos innecesarios, o que permitiu incrementar as cantidades destinadas á promoción internacional da cidade. Xa en relación ao comercio, ratificou a liña de colaboración coas asociacións comerciais, mantendo as subvencións, e de traballo en común para buscar sinerxias a través de iniciativas como o Santiago Investors Support. Finalmente, resaltou o traballo que en prol dos emprendedores se realiza dende o CERSIA Empresa.

Máis axudas sociais
Pola súa parte, Paula Prado explicou as liñas nas que se incrementan as partidas sociais, como as axudas para persoas en risco de exclusión, destinadas a cubrir as súas necesidades básicas. E para as persoas que superan este umbral, pero que en determinados momentos necesitan axuda para acceder a determinados servizos, están as subvencións nominativas. Neste punto citou as becas de comedor escolar e as achegas para que todos os nenos e nenas poidan participar en actividades deportivas e educativas.

Outro eido no que intensificará o seu traballo o Concello será na de colaboración coas entidades sociais, co obxectivo de "chegar a todas e cada unha das persoas que precisan algún tipo de axuda". Así, increméntanse as subvencións a entidades sociais como o Albergue de Xoán XXXIII, Cáritas, Cruz Vermella ou Cociña Económica, entre outras, e súmanse aos convenios entidades como o Banco de Alimentos, a Fundación Andrea, Xuntos Podemos ou a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental (FEAFES), polo importante labor que realizan. Nalgúns dos casos o incremento das cantidades traducirase en novos servizos –como o de teleasistencia prestado por Cruz Vermella- e noutros no reforzo da actividade que veñen realizando.

En canto ao emprego, as políticas do Departamento centraranse fundamentalmente en accións formativas e con empresas e en eventos como a Feira Internacional de Emprego. O obxectivo en todos os casos é formar aos demandantes de emprego en novas profesións, de sectores produtivos emerxentes.

Compartir: