DEPORTES

O I Circuíto de Carreiras Saudables "CorreSAN" alenta os composteláns a sumarse á actividade física regular

18/06/2012 Ponse en marcha o I Circuíto de Carreiras Saudables CorreSAN, un programa de probas de carreiras a pé organizadas pola Concellería de Deportes. Serán catro carreiras que teñen o obxectivo de animar a grandes e pequenos a realizar unha actividade física saudable e mellorar así a súa calidade de vida.

O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou este Circuíto e recordou que o deporte "non só é competición, senón tamén saúde". Por iso, animou tanto aos que xa corren habitualmente como aos que non o fan a sumarse a estas carreiras, de curta distancia.

Un dos obxectivos é que pais e nais convertan estas probas tamén en carreiras familiares e que sirvan de motivación para preparar unha competición xa máis esixente como é a da tradicional Carreira Pedestre, que se disputa en outubro. Así o ratificou tamén o director de Comunicación e Relacións Externas de El Corte Inglés en Santiago, José Manuel Blanco, quen cre que estas carreiras poden servir para "romper a barreira psicolóxica" para introducirse nestas probas a pé. Tamén participaron na rolda de prensa para presentar o circuíto o delegado en Santiago da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín, e a atleta Yolanda Gutiérrez.

O Circuíto estará aberto á participación de calquera deportista habitual ou eventual que desexe acceder á práctica libre do exercicio físico nos contornos da cidade. As distancias estarán adaptadas ás dúas categorías establecidas: escolares e adultos (a partir da idade xuvenil). Os primeiros, segundo as carreiras, percorrerán entre 2 e 3 km, mentres que os adultos afrontarán unha distancia entre 4 e 6 km.

As catro probas de CorreSAN disputaranse os días 30 de xuño, 14 de xullo, 29 de setembro e 14 de outubro, discorrendo, respectivamente, polo Campus Sur, a Cidade Histórica, o Restollal e a Cidade da Cultura. Especialmente atractiva será a proba do Casco Histórico, que se desenvolverá en horario nocturno.

Inscrición
A inscrición xeral no circuíto, tanto para escolares como para adultos, poderá formalizarse do 21 ao 27 de xuño no Departamento de Deportes do Centro Comercial Compostela, onde os inscritos poderán recoller a camiseta oficial. Os clubs e centros escolares que desexen entrar nos premios destas categorías deberán cubrir o formulario correspondente de inscrición.

Os adultos tamén poden apuntarse a través da web www.championchipnorte.com, sendo o prazo límite o mércores anterior á celebración da proba, ás 22:00 horas. Os escolares teñen a posibilidade de remitir a súa inscrición ao correo electrónico inscricionsFGAsantiago@gmail.com antes da devandita data, e tamén a través da web www.atletismogalego.org.

Para os escolares a inscrición é gratuíta. No caso dos adultos, a participación nas catro probas do Circuíto custará 15 euros, e a inscrición individual en cada carreira, 5 euros. Os que se queiran apuntar nunha proba tamén poderán facelo no Departamento de Deportes do Centro Comercial Compostela, segundo o seguinte calendario: Campus Sur, do 21 ao 27 de xuño; Cidade Vella, do 4 ao 11 de xullo; Restollal, do 19 ao 26 de setembro; e Cidade da Cultura, do 3 ao 10 de outubro.

Premios
Os premios entregaranse nos días posteriores á conclusión da última carreira. Outorgaranse premios aos tres primeiros da clasificación xeral de escolares e de adultos. Os tres centros escolares e clubs que acheguen máis participantes á categoría de escolares percibirán un premio especial. O mesmo sucederá na categoría de clubs de adultos.

Documentos relacionados



Compartir: