FACENDA

Orzamento 2012: unhas contas municipais dinamizadoras e de carácter social

18/06/2012 O próximo martes día 19 de xuño de 2012 someterase a ditame da Comisión Informativa de Facenda o orzamento do exercicio 2012 e prevese a súa aprobación no Pleno a celebrar o vindeiro venres 22.

Trátase dun orzamento social, sensible ás necesidades dos sectores máis desfavorecidos e que en maior medida están a sufrir as consecuencias da actual crise económica, o que levou este Goberno municipal a incrementar as axudas de emerxencia social, a duplicar o importe para as subvencións nominativas a entidades sociais e a proxectar diversas actividades e obradoiros de dinamización social. Desta forma o gasto social representa un 11,04% sobre o orzamento total do 2012, fronte ao 4,18% de 2011, o que supón un incremento do peso relativo do gasto social dun 6,86%.

A xestión orzamentaria do anterior Goberno derivou nun excesivo endebedamento do Concello de Santiago de Compostela, superando o límite do 75% que establece a normativa orzamentaria vixente. A débeda por habitante ascende á cantidade de 612 euros, a maior das sete grandes cidades galegas e é 2,65 veces máis da media da débeda por habitante de todos os Concellos de Galicia (231 euros por habitante).

Co obxecto de reducir este elevado nivel de endebedamento, apróbase por primeira vez neste Concello un orzamento cun superávit maior ao remanente negativo de tesouraría de 2011, por importe de 2.720.720 euros. É necesario chegar a unha base sólida para garantir a viabilidade dos investimentos futuros.

Trátase do primeiro orzamento que prevé a aprobación dunha ordenanza de teito de gasto, que recolle os obxectivos da nova lei de estabilidade orzamentaria co fin de garantir a sostibilidade das finanzas públicas. "Cumprir co déficit cero é un compromiso irrenunciable".

Con este escenario e herdada unha débeda de 70 millóns de euros trátase de levar a cabo unha priorización dos investimentos, tendo en conta que a variación do peso relativo con respecto ao exercicio 2011 se incrementa, a pesar da minoración global do presuposto, o que obedece a unha axeitada racionalización do gasto en investimentos, priorizando aquelas que se consideran máis necesarias e aquelas que contribúen á súa conservación e mantemento.

Cun nivel de endebedamento que supera o 80% e un remanente líquido de tesouraría negativo non se poden financiar os investimentos acudindo ao crédito. Ademais, de acordo cun principio de prudencia, non se presupostan aquelas subvencións cuxo convenio non estea asinado ou cuxa resolución non estea aprobada, o que non implica que se renuncie á adopción de convenios con entidades públicas ou privadas que permitan a captación de recursos cos que acometer novos investimentos.

Desta forma, e adoptadas no presuposto do exercicio 2012 as medidas que permitan alcanzar o déficit cero, encontrarémonos nun punto de partida para estudar, proxectar e planificar futuros investimentos dentro dun contexto de estabilidade e sostemento das finanzas públicas.

Compartir: