CULTURA

José Mercé en concerto no Auditorio

15/06/2012 José Mercé presenta o seu espectáculo Nuevo Amanecer, no que por primeira vez canta todos os grandes éxitos da súa carreira. Será no escenario do Auditorio de Galicia o sábado 16, a partir das 21:00 horas nun concerto organizado pola Cadena Cope. As entradas, 30 €+gastos, están xa á venda en Novagaliciabanco e na billeteira do Teatro Principal e estarán na do Auditorio o propio día do concerto a partir das 18:00 horas.

José Mercé é un dos maiores fenómenos que deu o flamenco en todos os tempos. Con máis de 600.000 discos vendidos nos últimos 15 anos, o cantaor xerezano é un artista que soubo transmitir como poucos que o flamenco é para todos, levándoo á máxima popularidade sen perder esencia nin jondura, especialmente dende que en 1998 publicou Del amanecer, un álbum que, segundo o flamencólogo José Manuel Gamboa, "converteu a José Mercé nun artista de masas, colocándoo á cabeza da movida jonda".

Dende aquel Del amanecer co que José Mercé estendeu a súa arte a un público novo e non seguidor do flamenco, a súa carreira foi unha sucesión de éxitos, de grandes cancións que, inexplicablemente, nunca reunira en concerto. Agora, por primeira vez, todos os grandes temas, os que máis chegaron ao público, preséntanse nun espectáculo único, nun concerto que José Mercé quixo titular, de maneira significativa, Nuevo Amanecer.

Xunto a José Mercé, no escenario do espectáculo Nuevo Amanecer estarán alternándose ás guitarras Diego del Morao, fillo do recentemente falecido Moraíto Chico, e Manuel Parrilla, Manolo Nieto ao baixo, Cesareo Moreno "Güito" á percusión, José Ramón Mestre ao teclado, Guillermo Trujillo á trompeta e percusión, Marcelino Fernández "Marci", Antonio de los Reyes "Negro", Rafael de los Reyes, Milián Oneto e Elena Morales aos coros e palmas; músicos que habitualmente acompañan ao cantaor e que garanten calidade, solidez e jondura.

O espectáculo Nuevo Amanecer é o preludio dun novo álbum de José Mercé, cuxa publicación está prevista para outono do 2012 no marco dun proxecto de alcance internacional. Será un disco con vocación de romper fronteiras, o lanzamento definitivo en todo o mundo de José Soto Soto (José Mercé), cantaor nado no flamenco barrio de Santiago de Jerez de la Frontera en 1955. Bisneto de Paco Luz e sobriño de Manuel Soto, "Sordera" patriarca do flamenco local, tras cantar de neno na Escolanía da Basílica da Mercé da súa cidade (de aí vénlle o nome artístico).

Compartir: