CULTURA

Under18 chega por primeira vez a Galicia cun cabeza de cartel de luxo: Simple Plan

15/06/2012 O Festival Under Eighteen (máis coñecido como U18) naceu co propósito de crear alternativas musicais para os menores de 18 anos, como unha nova proposta de lecer para os máis novos, que poderán gozar en directo dos seus artistas favoritos en horarios adecuados e en recintos onde está prohibida a venda de bebidas alcohólicas e de tabaco. E agora esta iniciativa chega a Compostela da man da Concellería de Cultura e a produtora Sweet Nocturna con varios patrocinios. Será na Sala Capitol, o 24 de xuño, ás 19:00 horas, e cun cabeza de cartel de luxo: os canadenses Simple Plan. Os teloneiros serán os madrileños Everlyn, xovenes promesas do pop español.

U18 diríxese fundamentalmente a adolescentes de entre 13 e 18 anos, que até agora tiñan a entrada limitada a moitos concertos por ser menores de idade. O primeiro Festival U18 en España tivo lugar en xullo de 2008 no Palacio dos Deportes da Comunidade de Madrid. Nel actuaron Simple Plan, Panic at the Disco, Pignoise, Despistaos, Falling Kids e Motel. A día de hoxe, máis de 50.000 persoas participaron nalgunha das actividades de U18 en España e o seu Facebook oficial conta con máis de 30.000 seguidores. Dende esa primeira edición grandes estrelas internacionais da música pop-rock pasaron por este festival: McFly, Billy Talent, Katy Perry, Jonas Brothers, Paramore, Fall Out Boy e algúns grupos nacionais como Pignoise, Despistaos, Motel e Non Way Out.

Simple Plan é unha banda canadense cuxos compoñentes son: Pierre Bouvier (cantante), Jeff Stinco (guitarra solista), David Desrosiers (baixo e coros), Sebastien Lefebvre (guitarra e coros) e Chuck Comeau (batería). As súas orixes remóntanse a mediados dos 90’s, cando Pierre e Chuck, aos 13 anos, formaron a súa primeira banda, Reset, coa que autoeditan un disco e fan varias xiras por Canadá.

Tras abandonar este proxecto dan forma a Simple Plan co resto dos membros e debutan en 2002 con No Pads, No Helmets...Just Balls, un disco de Punk-pop puro, tal e como eles mesmos o definen. A resposta é extraordinaria grazas a singles como "I'd Do Anything", "Addicted" ou "Perfect". A publicación deste disco fixo que en menos dun ano, a banda visitase o cinco continentes, dando máis de 300 concertos por medio mundo. En cada un dos espectáculos o grupo viu como o seu grupo de fans ía aumentando e pronto chegan a ser disco de ouro en Canadá e Xapón.

Still Not Getting Any... (2004) é o segundo disco de estudo do grupo e conta coa produción de Bob Rock, o mesmo que traballou para grupos como Metallica e Aerosmith entre outros. Ese mesmo ano, Simple Plan inicia unha Fundación para mozas e nenos con problemas de drogadicción, suicidio, pobreza, etc. "Welcome to my life" ou "Shut Up!" son algúns dos sinxelos máis coñecidos deste disco que os terminaron de converter en estrelas da música pop adolescente.

Catro anos despois, con sete millóns de copias vendidas a nivel mundial dos seus dous álbums, ademais dun abanico de éxitos e unha lexión de seguidores, Simple Plan publican o seu terceiro disco: Simple Plan (2008).

Entre os Premios cultivados polo quinteto canadense inclúense os de Mellor Banda Canadense dos anos 2002, 2003, 2004, 2005, 2008, 2008, ademais do Juno Fan Choice Award (2006). Ademais dos seus discos de estudo tamén contan con varios directos: Live in Japan 2002, Live in Anaheim (2004) e MTV Hard Rock Live (2005).

A súa recente visita a España en marzo deste ano deixou dous espectáculos en Madrid e Barcelona coas entradas esgotadas días antes e nos que actuaron para máis de 6.000 persoas, proba unha vez máis do enorme tirón do grupo no noso país. Recentemente acabada a súa xira por Australia, a finais de mes de xuño o grupo canadense fará unha parada na súa xira mundial para actuar en Valencia, Bilbao e Santiago de Compostela nas que serán as súas tres únicas datas en España.

As entradas, 26 €, poden mercarse en www.ticketmaster.es, Carrefour, FNAC, Tendas Tipo, Halcón Viaxes e na billeteira do Teatro Principal

Compartir: