MEDIO AMBIENTE

Campaña municipal de inspección de animais potencialmente perigosos

15/06/2012 A Concellería de Medio Ambiente está a levar a cabo durante este ano 2012 unha campaña específica de inspección de animais potencialmente perigosos, co obxecto de identificar aqueles que non teñen a obrigatoria licenza municipal e a inscrición no Rexistro municipal creado ao respecto. Ata o momento xa se teñen localizado uns 100 e iniciado o correspondente procedemento para que os seus donos cumpran coa súa obriga legal.

Entre outros requisitos, para obter esta licenza é necesario dispor dun seguro de responsabilidade civil polos danos do animal que cubra unha responsabilidade de ata 125.000 euros, un certificado de penais e un informe positivo da Consellería de Medio Ambiente relativo a non ter incumprido a Lei de protección animal. Para realizar a inscrición obrigatoria do can no Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos é preciso un informe veterinario que certifique, entre outras cousas, que o animal non se emprega en actividades ilegais, coma pelexas . Este certificado veterinario e a documentación que indique a vixencia e condicións do seguro debe presentarse anualmente.

Indicadores do Refuxio de Bando
Aproveitando a difusión desta campaña, a Concellería de Medio Ambiente fixo públicos os principais datos do Refuxio de Animais de Bando do que vai de ano. Así, ata o mes de maio, ingresaron nas instalacións 314 animais, dos que 250 eran cans e 62 gatos.

Analizando a comparativa dos ingresos de cans producidos dende 2005 obsérvanse ingresos anuais de entre 500 e 600 animais de 2005 e 2007, pasando aos 900 nos anos 2010 e 2011.

En canto ás saídas, neste 2012 producíronse 296, das que 168 foron adopcións, outras 19 acollidas e 58 animais foron recollidos polos seus donos. O número de adopcións foise incrementando nos últimos anos, pasando das 400 en 2005, 2006 e 2007 ás 500 en 2008, 2009 e 2010, alcanzando o máximo en 2011, con 530 adopcións.

As eutanasias véñense reducindo nos últimos anos. De feito, de manterse a tendencia este ano, daríanse os valores máis baixos dende que se puxera a funcionar o Refuxio. O número de animais falecidos nas instalacións nos dou últimos anos tamén se reduciu en torno a un 30%. E neste ano a porcentaxe de diminución alcanza case o 60%, o que indica que, malia o incremento do número de animais, ten mellorado o grao de atención e coidado dos mesmos.

As acollidas de animais pasaron de valores de entre 60 e 75 nos anos 2006, 2007 e 2008 a 91 no 2009. Nos dous últimos anos superáronse as 100 acollidas, cun máximo de 157 en 2010.

En canto aos animais recollidos polos seus donos, os valores oscilan entre os 60 a 90 de 2005 a 2007 aos 110 no 2008 e 2009. Os exemplares recollidos en 2010 e 2011 foron 190 e 170, respectivamente.

Servizo de lacería
O servizo de lacería realizou 195 servizos no que vai de ano, efectuando 113 capturas de cans e identificando mediante os seus correspondentes microchips 30 cans. Analizando tamén os datos de 2011 obsérvase que se prestan entre 30 e 54 servizos ao mes, con case 300 capturas en 2011, das que un 25% tiñan microchip de identificación.

En canto aos gatos, o servizo de lacería realizou 35 servizos en 2012, capturando 27 exemplares. Os valores no caso destes animais son máis variables cada mes.

Documentos relacionados



Compartir: