TURISMO

As conexións internacionais de Lavacolla sumaron 27.881 pasaxeiros en maio, un 21,47% máis que en maio do 2011

15/06/2012 As sete conexións internacionais operativas no aeroporto de Lavacolla no mes de maio moveron 27.881 pasaxeiros. Esta cifra representa un aumento de 4.929 pasaxeiros respecto dos 22.952 que houbo no mesmo mes de 2011, cun crecemento do 21,47%. O incremento é maior tomando coma referencia o mes de maio do Ano Santo, cando houbo 21.397 pasaxeiros. Neste caso o crecemento é de 6.484 pasaxeiros, un 30,30%.

No acumulado anual tamén se produce un crecemento neste 2012 respecto do 2011 e do 2010 no número de pasaxeiros nas conexións internacionais. Nos primeiros cinco meses do ano houbo 94.119 pasaxeiros, fronte aos 53.446 do 2011 e os 75.444 do Ano Santo 2010. Isto significa que houbo 40.653 pasaxeiros máis que o ano pasado, un aumento do 76%. Este crecemento débese en parte, pero non só, como amosan os datos de maio, a que no primeiro trimestre do ano pasado non estiveron operativas as conexións internacionais de Ryanair. Con respecto ao 2010, o crecemento foi de 18.675, un 24,75%.

O crecemento no mes de maio apoiouse no crecemento de todas as conexións. O crecemento máis importante é da conexión con Xenebra, que compensa a falta da conexión con Zurich, que si houbo en maio do 2011. Tamén suman dun xeito importante a conexión con Venecia con Volotea, que comezou a operar en Lavacolla a finais de abril de 2011, e a conexión con Dublín con Aer Lingus, que este maio tivo 941 pasaxeiros máis que en maio do ano pasado, un 31,16%.

No mes de maio, Turismo de Santiago colaborou en maio con Aer Lingus, Paradores e a OET de Dublín na promoción da cidade en Irlanda a través dun concurso nun dos programas de máxima audiencia da televisión do país. Neste programa sorteouse unha viaxe para dúas persoas a Santiago, con cinco noites de hotel no Hostal dos Reis Católicos e 1.000 euros. Turismo de Santiago tamén acaba de organizar un presstrip con xornalistas irlandeses, que coñeceron esta semana a cidade, en colaboración coa Asociación Hostelería Compostela e a OET de Dublín.

Turismo de Santiago tamén organizou a comezos de maio un presstrip con xornalistas venecianos para promocionar a nova conexión entre Santiago e Venecia. Este presstrip fíxose en colaboración coa compañía aérea Volotea, a Asociación Hostalería Compostela e a OET de Milán. Hai unhas semanas Volotea anunciou que esta ruta, en principio prevista só para a temporada de verán, continuará tamén na temporada de inverno.

Documentos relacionados



Compartir: