BENESTAR SOCIAL

Clausurado o Obradoiro de Economía Doméstica impartido polo Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte

14/06/2012 Impartiuse a última sesión do Obradoiro de Economía Doméstica, organizado polo persoal do Programa Municipal de Intervención Soioeducativa e o Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte da Concellería de Benestar Social.

Estes obradoiros, nos que participaron 12 familias tiveron coma finalidade formar aos participantes cara unha maior autonomía persoal, incrementando as súas destrezas e competencias para o manexo e axeitado uso do orzamento familiar, así como para manter actualizados os gastos de vivenda e non acumular débedas.

A primeira sesión centrouse na temática de vivenda, en concreto, nos gastos que a mesma implica, os dereitos e deberes dos inquilinos, as comunidades de propietarios e as vivendas de promoción pública. A segunda xornada tivo como eixo central a organización do orzamento familiar e o establecemento de prioridade de gastos na economía doméstica. Finalmente, a terceira e última sesión, máis lúdica e práctica, centrouse nos gastos de alimentación e na elaboración práctica de menús económicos e saudables para toda a familia.

Esta iniciativa está incluída na medida denominada Programas de dinamización social, igualdade de oportunidades, formación e educación de colectivos en risco de exclusión, no marco do Proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Compartir: