XUNTA DE GOBERNO

Medio Rural inicia unha nova fase preventiva de limpeza das pistas do rural

14/06/2012 A Xunta de Goberno aprobou o inicio dunha nova fase de desbroces nas pistas do rural, por importe de 50.847 euros. Ademais, deuse o visto bo ao programa municipal de conciliación do verán e ao novo servizo de recollida de roupa e calzado.

Esta nova fase de limpeza das pistas do rural ten fundamentalmente un carácter preventivo, ante a chegada do verán e, en consecuencia, do período de maior risco de incendios. A Concellería de Medio Rural limpará pistas na maioría das parroquias do rural compostelán.

Con este mesmo obxectivo preventivo, a Concellería de Medio Ambiente está abrindo expedientes aos propietarios de parcelas que non realizaron a obrigada limpeza co fin de previr os incendios. Estes expedientes teñen o obxectivo principal de instar a estes propietarios a manter a manter en bo estado as fincas.

Escolas de Verán
Na sesión tamén se adxudicou o servizo das Escolas de Verán, por 28.932 euros. Terán lugar en tres centros escolares do 25 de xuño ao 31 de xullo.

As Escola Municipais de Verán, incluídas no Programa Municipal de Conciliación, están dirixidas a nenos e nenas que cursen entre o 2º ciclo de Educación Infantil e o 3º ciclo de Educación Primaria. Celebraranse no CEIP Raíña Fabiola, no CEIP Ramón Cabanillas e no CEIP As Fontiñas, entre as 7:45 e as 15:30 horas.

Os pais poden escoller entre varias opcións temporais: do 25 ao 29 de xuño, todo o mes de xullo, a primeira ou a segunda quincena de xullo, todos os días do programa ou por días soltos. Tamén poden elixir entre as horas de actividades (obradoiros, xogos, deporte...), que se desenvolverán de 9:00 a 14:00 horas, ou engadir outros servizos complementarios como o de madrugadores, de 7:45 a 9:00 horas, ou o de comedor, de 14:00 a 15:00 horas.

O prezo para as actividades é de 5 euros ao día, mentres que o servizo de comedor custa 6 euros. No caso do servizo de madrugadores, custa 2 ou 2,5 euros, segundo sexa sen ou con almorzo. Hai descontos dun 20% para os segundos fillos inscritos no caso de familias numerosas. O prazo de inscrición rematou o 2 de xuño.

Recollida de roupa e calzado
Ademais, a proposta da Concellería de Barrios e Servizo de Recollida de Lixo e Limpeza Viaria iniciouse o procedemento de contratación do servizo de recollida de roupa, calzado e outros residuos téxtiles. Licitarase a colocación inicial de 29 colectores, establecéndose un canon máximo de 2.100 euros ao ano para a empresa adxudicataria.

A instalación destes colectores non suporá ningún gasto para as arcas municipais. De feito, a posta en marcha do servizo permitirá un aforro de 44.000 euros en tratamento de residuos.A concesión deste servizo outorgarase ata o 31 de decembro de 2015.

Estes 25 colectores serán metálicos e permitirán a recollida en bolsas de zapatos e roupa. Instalaranse nas seguintes rúas: Viena, Montero Ríos, Home Santo, Concheiros, Escultor Asorey, San Pedro de Mezonzo, Bernardo Barreiro, Romero Donallo e Ponte do Sar (zona centro); Fontiñas, Varsovia, París, San Lázaro, Muíña, Cancelas, Salgueiriños de Abaixo, Tabaniscas, Irmandiños, García Lorca e Santa Comba (zona norte e Fontiñas); avenida de Ferrol (2), Valentín Varela, Amor Ruibal, Estrada, avenida da Liberdade e praza Aurelio Aguirre (zona sur).

Compartir: