ALCALDÍA

O alcalde atopa boa disposición por parte dos gandeiros a compatibilizar o mercado con outros usos no recinto de Amio

14/06/2012 O alcalde compostelán e a concelleira de Mercados, Reyes Leis, reuníronse cos representantes dos tratantes de gando para abordar o futuro do mercado no recinto feiral de Amio. Ángel Currás explicoulles a postura municipal neste tema, que pasa por compatibilizar o mercado gandeiro con outros usos para así facer rendibles as instalacións.

Currás indicou que foi unha reunión cordial na que se lles solicitou "flexibilidade" para lograr esta compatibilidade do recinto. Os gandeiros, dixo, "non ven factible o cambio de data do mercado de gando ao luns", debido ás datas xa ocupadas polo circuíto de feiras de Asturias, Cantabria e Galicia. No obstante, o alcalde si atopou receptividade á posibilidade de trasladar o mercado a outro lugar en datas concretas en que así o requira a celebración doutros eventos en Amio.

Segundo o rexedor municipal, estes usos compatibles co mercado de gando deberan quedar perfilados no estudo de viabilidade que elaborará a empresa concesionaria, que tamén conterá os investimentos necesarios no recinto. A propósito destas obras necesarias, os gandeiros manifestaron a posibilidade de construír outra nave en troques das obras nas actuais.

Neste sentido, o alcalde lembrou que esta nova nave a debería construír a concesionaria. E en calquera caso –recalcou- habería que estudar a compatibilidade desa nova instalación co planeamento urbanístico da zona, algo que ve "difícil tecnicamente".

Despois desta reunión e da mantida coa concesionaria, Ángel Currás cre que está marcada unha "liña de colaboración positiva". Á espera de novos contactos e do estudo de viabilidade da concesionaria, agarda que a vontade das tres partes poida quedar plasmada no futuro nun protocolo de intencións, sempre tendo presente que a prioridade municipal é "facer viable" o recinto.

Compartir: