DEPORTES

Santiago acolle os I Xogos Interautonómicos de Atletismo Special Olympics Galicia

13/06/2012 Os I Xogos Interautonómicos de Atletismo Special Olympics Galicia traerán uns 170 participantes ás instalacións de atletismo da Universidade de Santiago. Grazas a esta iniciativa, viviranse catro xornadas (14, 15, 16 e 17 de xuño) marcadas pola convivencia, o esforzo recompensado e a integración.

O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou estes Xogos, salientando a súa importancia para "favorecer a inclusión a través do deporte". Así o referendou o alcalde, Ángel Currás, quen destacou que este evento se celebre en Santiago, "o primeiro lugar de Europa onde xentes de todas as orixes compartiron valores de respecto, dignidade, solidariedade e esforzo". Así, expresou o seu convencemento do éxito dos Xogos e o seu desexo de que contribúan a "eliminar barreiras e estereotipos".

Nestes mesmos termos se pronunciou o presidente da Federación de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia (FADEMGA), Eladio Fernández, apuntando que estes Xogos son un instrumento de "reforzo da autoestima" dos participantes. Así, todos os participantes levan as súas medallas en recoñecemento ao seu esforzo.

Percorrido do facho olímpico
Os Xogos comezarán o xoves 14 co percorrido do facho olímpico polas rúas de Compostela, partindo da rúa Neira de Mosquera ás 19:00 horas e chegando finalmente ao Pazo de Raxoi, onde a recibirá o alcalde. Os concelleiros Paula Prado, Albino Vázquez, Francisco Noya e Adrián Varela tamén participarán nalgunha nove postas previstas.

O venres 15, ás 20.00 horas, celebrarase o acto de apertura no pavillón universitario, abrindo uns Xogos Interautonómicos cuxas probas atléticas se desenvolverán nas xornadas do sábado 16 e domingo 17 nas instalacións de atletismo da USC, no Campus Vida.

O evento pecharase o domingo 17, ás 13:30 horas, cun acto de clausura no pavillón ou nas pistas de atletismo, segundo o clima. Antes, ao longo da mañá irán concluíndo as diferentes probas e entregándose os premios aos participantes.

Documentos relacionados



Compartir: