ALCALDÍA

A Fundación Eugenio Granell celebra o centenario do artista con exposicións en cinco institucións culturais de Santiago

13/06/2012 A Fundación Eugenio Granell celebra este ano 2012 o centenario do nacemento de Eugenio Fernández Granell. O artista xamais esqueceu Santiago de Compostela, cidade na que pasou a súa infancia e xuventude, por iso, este evento celebrarase amosando a súa obra e tamén o importante e rico legado que forma os fondos da Fundación, en diferentes sedes culturais da cidade.

O proxecto conseguiu involucrar a Cidade da Cultura de Galicia, o Museo do Pobo Galego, o Auditorio de Galicia, o Centro Cultural Novacaixagalicia e o Centro Galego de Arte Contemporánea. O alcalde compostelán e copresidente da Fundación, Ángel Currás, participou na presentación destas exposicións xunto coa directora, Natalia Fernández, e representantes destas institucións.

O programa de actividades comezará o 19 de xuño na Cidade da Cultura coa exposición O encontro na poética de Eugenio Granell. Comisariada por Natalia Fernández e Eduardo López Valiña, a mostra inclúe debuxos, óleos e construcións do artista. Exhibiranse ata o 2 de decembro.

Dous días despois, o 21 de xuño, abrirá no Museo do Pobo Galego A colección étnica de Eugenio Granell, con obras do artista relacionadas con esta temática. E entre o 28 de xuño e o 31 de outubro, a exposición O surrealismo hoxe amosará os fitos máis importantes do seu desenvolvemento artístico na propio Pazo de Bendaña, sede da Fundación.

O Auditorio de Galicia tamén se suma a esta conmemoración coa mostra Eugenio Granell no paraíso centroamericano 1940-1956, comisariada por Pilar Corredoira e aberta do 19 de xullo ao 4 e novembro. Ademais, as obras do artistas que están en coleccións institucionais poderán ser observadas polo público no Centro Cultural Novacaixagalicia de Santiago dende o 5 de xullo e ata o 16 de setembro.

Finalmente, o Centro Galego de Arte Contemporánea acollerá a exposición Eugenio Granell, unha película de vinte minutos, sobre diferentes facetas artísticas do homenaxeado. A mostra estará aberta do 13 de xullo ao 4 de novembro.

Compartir: