CULTURA

aCadaCanto, en directo en Santiago

12/06/2012 O mércores 13, ás 21:00 horas, terá lugar no Teatro Principal, dentro do ciclo ‘Íntimo&Acústico’, o concerto de Guadi Galego, Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero co proxecto aCadaCanto, o novo disco de Músicas de Salitre no que conflúen por primeira vez de maneira conxunta as carreiras musicais destes catro músicos. Compañeiros noutras formacións coma Berrogüetto, Espido ou Nova Galega de Danza, os catro xúntanse na gravación do sexto disco de Músicas de Salitre.

O concerto do Teatro Principal presentouse no Teatro Principal nun acto no que participaron Xabier Díaz e Guillerme Fernández de aCadaCanto e José Victor Carou, director-xerente do Auditorio de Galicia. Segundo Xabier e Guillerme, "este proxecto musical é limitado no tempo, todos temos outras obrigacións musicais, pero da mesma maneira que nos xuntamos no estudio para gravar o disco, xuntarémonos no escenario para tocalo. Ademais, para quen aínda non ten o disco, poderá mercarse no Teatro Principal".

O director-xerente do Auditorio de Galicia amosouse encantado de poder contar con este proxecto pechando a programación do ciclo ‘Íntimo&Acústico’, que puxo en marcha a Concellaría este ano. O ciclo acolleu a artistas como Aline Frazao, Simon Finn, Rebeca Jiménez, Maika Makovski, Abe Rábade Trío ou Ariel Rot, entre outros, e volverá despois do verán con novas propostas.

O repertorio deste concerto estará conformado polas trece cancións do disco aCadaCanto, máis algúns dos temas do resto de discos de Músicas de Salitre. Os prezos das entradas son 10 € anticipada e 12 € no despacho de billetes

Compartir: