TURISMO

Xornalistas irlandeses visitan a cidade

12/06/2012 Xornalistas irlandeses coñecerán estes días Santiago de Compostela, nunha viaxe organizada por Turismo de Santiago en colaboración coa Asociación Hostalería Compostela e a Oficina Española de Turismo (OET) de Dublín, que ten por obxectivo promocionar Santiago no mercado irlandés e impulsar a conexión aérea que une Santiago e Dublín.

Trátase de dous xornalistas de medios especializados en viaxes: Travel Extra e Irish Travel Trade News. O programa preparado para os xornalistas, que estarán na cidade entre martes e xoves, inclúe visitas ás cubertas da Catedral, ao Casco Histórico, un tour gastronómico pola Praza de Abastos e unha visita á Cidade da Cultura.

Esta acción súmase á promoción da cidade que se fixo no mes de maio no programa Saturday Night Show da televisión pública irlandesa RTÉ, onde se sortearon dous billetes de avión con cinco noites no Hostal dos Reis Católicos nunha campaña de promoción de Aer Lingus da súa conexión entre Dublín e Santiago, na que colaboraron Turismo de Santiago, a rede de Paradores de España e a OET en Dublín.

Ao longo do programa emitíronse varias cuñas dun minuto de duración nos que se presentou a Santiago coma Cidade Patrimonio da Humanidade e destino do Camiño de Santiago. Tamén se fixo referencia a que é a capital de Galicia, un país con raíces celtas que comparte elementos culturais coa propia Irlanda. Destacouse tamén que o Hostal dos Reis Católicos, construído a fines do século XV como hospital de peregrinos, está considerado o hotel máis antigo do mundo.

O mercado turístico irlandés é un mercado interesante para a cidade por varias razóns, entre as que destacan dúas: porque existe unha conexión aérea directa que une Santiago e Dublín tres veces por semana entre maio e setembro, e porque Irlanda ten fondas raíces católicas polo que o Camiño de Santiago é un atractivo moi importante. Por exemplo, en Dublín atópase a Irish Society of the Friends of St.James, unha entidade fundada xa en 1992 para promocionar a peregrinación a Santiago no país.

A conexión con Dublín leva xa varios anos funcionando. Os datos de pasaxeiros nos últimos catro anos foron: 2011, 17.206 pasaxeiros; 2010, 17.421; 2009, 12.020; 2008, 16.820. O obxectivo de Turismo de Santiago é promocionar a cidade en Irlanda e potenciar esta conexión, para que aumenten tanto os números de turistas deste país como o número de pasaxeiros neste enlace.

Compartir: