EDUCACIÓN

A celebración do Día Europeo da Música saca á rúa os novos intérpretes das escolas musicais de Compostela

12/06/2012 A concelleira de Educación, Rebeca Domínguez, presentou en rolda de prensa as actividades con motivo do Día Europeo da Música, que se celebra o 21 de xuño. Con tal motivo, do 18 ao 22 de xuño celebraranse concertos, veladas musicais, obradoiros e exposicións en diversas rúas, prazas e institucións de Compostela.

Máis de 300 alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música, da Escola Estudio, da Escola de Música Berenguela e do Conservatorio Histórico de Música de Santiago participarán nas actividades previstas durante catro xornadas. Unha cidade eminentemente musical como Santiago súmase así unha iniciativa nacida do Ministerio de Cultura Francés, que estableceu que cada ano, coincidindo co primeiro día do verán e o máis longo do ano, se celebrara a Festa da Música (Fête de la Musique). Un evento no que músicos de todo tipo (profesionais, afeccionados, estudantes) toman as rúas das súas cidades e utilizan espazos pouco habituais para a expresión musical. Na actualidade, este evento celébrase en máis de cen países do mundo.

A primeira das actividades terá lugar o luns 18 de xuño no Casino de Santiago a partir das 19:00 horas. Alí, alumnos e alumnas do Conservatorio Histórico de Santiago de Compostela ofrecerán un concerto.

O mércores 20, ás 17:30 horas, na praza do Toural, O mundo dos nenos, unha actividade do alumnado de Música e Movemento e do Coro Infantil da Escola Municipal de Música. Unha hora despois, no mesmo lugar, Obradoiro de Música e Movemento, tamén pola EMMSC.

Nesta xornada, a música volve tamén ao Casino cunha sesión denominada Os pequenos violinistas, protagonizada polos alumnos de 3 a 7 anos do curso de iniciación ao violín da Escola. Tocarán a partir das 19:30 horas e, uns minutos despois, tomarán o relevo outros novos e novas intérpretes da Escola no concerto Música e nenos.

Día Europeo da Música
A música continúa o xoves 21 de xuño, Día Europeo da Música, na praza das Praterías. Ás 18:00 horas, concerto didáctico Os cantos do país do xeo, pola EMMSC. Á mesma hora, pero na praza de Feixóo, aula aberta de nenos e nenas de Música e Movemento da Escola de Música Berenguela.

Tamén en Praterías, ás 18:30 horas, concerto da Orquestra de Corda da Escola Municipal de Música. Ao tempo, na praza de Feixóo, actuación dende os balcóns e o vestíbulo aberto da Escola Berenguela.

A xornada tamén inclúe un concerto da Escola Estudio, ás 18.30 horas, no Casino de Santiago. Media hora despois, de novo en Praterías, concerto da Banda da EMMSC. Este mesmo escenario acollerá ás 20:00 horas o concerto do Cuarteto de Clarinetes da Escola.

O Día Europeo da Música pecharase en Santiago, ás 21:00 horas, na praza de Feixóo, cunha velada musical da Escola Berenguela: Trío de Cello, Violín e Piano. Antes, ás 19:30 horas, a igrexa das Ánimas acollerá outra das actividades especiais da xornada, unha exposición do órgano ibérico da Capela da Real Confraría das Ánimas.

O venres 22 de xuño rematará o programa con outras catro actividades musicais. A primeira celebrarase a partir das 17:00 horas no Hospital Clínico, onde actuarán o Coro de Nenos e solistas da Escola Estudio. Media hora despois, pero na praza Roxa, concerto da Orquestra da Escola Municipal de Música. Ás 19:00 horas, tamén nesta praza, concerto da Banda da EMMSC e, ás 20.00 horas, no Casino, concerto de peche polo profesorado e alumnado da Escola Municipal de Música.

Compartir: