DEPORTES

Máis de 200 nadadores competirán no Campionato Galego de Natación Alevín

12/06/2012 A piscina de Santa Isabel acollerá o sábado 16 e o domingo 17 o Campionato Galego de Natación Alevín. Participarán 226 nadadores e nadadoras de 24 clubs galegos.

O concelleiro de Deportes, Adrián Varela presentou o campionato e convidou os composteláns a achegarse ata a piscina de Santa Isabel. Alí se agarda a presenza de moitas familias, que acompañarán os pequenos e pequenas nunha proba que se desenvolverá en xornadas de mañá e tarde. O edil aproveitou a rolda de prensa para felicitar ao organizador (xunto coa Federación Galega de Natación), o Club Natación Cidade de Santiago polo seu recente ascenso a Primeira División.

O director técnico deste club, José Rioseco, lembrou que os participantes teñen entre 10 e 13 anos, idades mínimas que permiten participar nun torneo a nivel español. De feito, desta proba de Santa Isabel sairá a selección galega que competirá no Campionato de España en xullo. Ademais, expresou a súa confianza de que destes pequenos competidores saia no futuro algún nadador ou nadadora olímpica, como Beatriz Gómez, que estará en Londres.

Este convencemento tamén o afirmou o presidente da Federación Galega de Natación, Carlos Touriño, quen destacou que nestas probas alevíns "desbórdase ilusión". Agradeceu ao club organizador, de recente creación, o seu traballo, e espera que o campionato "axude a consolidar o seu proxecto de futuro, tanto a nivel estrutural como deportivo". Finalmente, amosou a súa satisfacción polo anuncio da próxima construción dunha nova instalación acuática en Santiago.

Compartir: