ALCALDÍA

Santiago e Vedra reafirman a liña de colaboración en materia viaria, turística e de demanda dun novo parque de bombeiros

12/06/2012 Os alcaldes de Santiago, Ángel Currás, e de Vedra, Carlos Martínez, reuníronse en Raxoi para abordar algunhas das materias que afectan a ambos concellos, como a mellora da estrada provincial entre Santiago e Vedra ou a busca dunha solución para o parque de bombeiros.

Ángel Currás reiterou a necesidade de ampliación e mellora do firme da estrada provincial que une os dous municipios, recordando que o tramo entre Vedra e Santa Lucía é o que presenta un peor estado e un importante caudal de tráfico. Os dous concellos xa realizaron a correspondente petición á Deputación da Coruña e, segundo indicou o alcalde compostelán, estase redactando o proxecto para ampliar o paso da Ponte das Cabras.

Nesta reivindicación viaria coincidiu Carlos Martínez, ao igual que na relativa a unha solución para o parque de bombeiros. "É necesaria unha solución para a comarca", apuntou Currás, lembrando que se está a falar coas administracións implicadas para "desbloquear o parque ou cando menos rematar o edificio de Salgueiriños". Sobre a posible comarcalización do servizo, afirmou que "o mellor é chegar un acordo entre todos".

Na reunión tamén se abordou a colaboración entre os dous concellos en materia turística, co fin de ofrecer aos visitantes que chegan a Santiago outras alternativas de interese na comarca que prolonguen a súa estancia.

Documentos relacionados



Compartir: