ALCALDÍA

O alcalde afirma que a feira de gando ten un futuro asegurado coas inversións necesarias e facéndoa compatible con outros eventos

11/06/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, referiuse ao futuro do mercado de gando de Amio tras a recente reunión mantida co responsable da concesionaria, Raul López. Afirmou que nesta xuntanza atopou "comprensión e colaboración" e a disposición da empresa a asumir os investimentos necesarios nas instalacións.

Para Ángel Currás, a concesionaria é "unha peza do crebacabezas e está disposta a colaborar cos investimentos necesarios para facer rendible o recinto de Amio". Neste sentido, insistiu en que, na actualidade, é un recinto "infrautilizado", cunha actividade de a penas unhas horas na semana. Neste sentido, afirmou que se deben facer rendibles as instalacións e apostou por un cambio de día do mercado que faga compatible este con outras actividades.

"Outra peza son os gandeiros", dixo o rexedor municipal, emprazándoos a unha reunión prevista para esta mesma semana. "Se todos poñemos a nosa parte, a feira de Amio ten o futuro asegurado", indicou, concluíndo que, neste tema, o obxectivo é que "gañe Santiago".

Compartir: