PERSOAL

Amelia González di que na redución no capítulo de persoal "só se van tocar as gratificacións por xubilación"

11/06/2012 A concelleira de Persoal, Amelia González, explicou en rolda de prensa a última proposta municipal aos sindicatos para reducir os 350.000 euros previstos polo Plan de Axuste para o capítulo de persoal. Indicou que a redución "só afectará aos traballadores municipais na redución nun 60% das gratificacións por xubilación".

Amelia González recordou que o Plan de Axuste obriga a aplicar a redución de 350.000 euros en catro conceptos e non noutros: acción social, formación, complemento de produtividade e incentivos por xubilación. Afirmou que só se vai tocar este último punto, reducindo estas gratificacións nun 60% para os que se xubilen entre xullo e decembro de 2012.

Respecto á partida de acción social, informou que no orzamento de 2011 era de 450.000 euros, pero que só se gastaron 300.000. De aí que a proposta sexa a de incluír esta última cantidade nos orzamentos de 2012, aforrando así 150.000 euros. Lembrou que nesta partida se inclúen conceptos como axudas para a compra de gafas, escolarización ou renovación do carné de conducir, entre outros.

Un criterio semellante utilizarase na partida de formación, xa que indicou que só se gastaran 62.000 dos 156.000 euros presupostados en 2011. Neste caso o aforro sería de 93.000 euros.

Finalmente, subliñou que a produtividade se garante nun 100% na última proposta municipal. Cuantificou esta partida nos 225.000 euros, nos que se inclúen dúas pagas de 183 euros ao ano (366 euros por cada traballador).

A concelleira dixo ter posto "toda a mellor vontade" na negociación e que "máis non se pode facer", emprazando a que "a xente xulgue se está ben ou mal o que se está a facer". Neste sentido, lembrou que "non se lle vai tocar o soldo a ninguén nin se vai botar a ninguén" e que se "estamos falando dun aforro de 350.000 euros nun capítulo 1 que supón máis de 30 millóns de euros no orzamento municipal".

Documentos relacionados



Compartir: