BENESTAR SOCIAL

As bolsas de comedor escolar introducen unha modalidade adicional de conciliación

11/06/2012 A concelleira de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, Paula Prado, deu conta das bases para solicitude de bolsas de comedor escolar para o curso 2012-2013. Nesta convocatoria introdúcense novidades nos baremos e inclúese unha modalidade específica de conciliación. O prazo de solicitude será de dez días hábiles dende a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

As bolsas asistenciais terán unha contía de 80 euros ao mes, salvo nos casos en que o prezo do comedor sexa inferior a esta cantidade, casos estes nos que bolsa alcanzará o 80% do prezo total. Destínase unha partida de 70.000 euros (28.000 en 2012 e 42.000 en 2013 para estas bolsas. O número de axudas dependerá finalmente dos prezos dos comedores. No curso anterior concedéranse bolsas a unhas 70 familias

A principal novidade do vindeiro curso serán as bolsas para favorecer a conciliación, ás que xa poderán acceder familias con ingresos máis elevados, que a edil cifrou nos 15.000 euros anuais. Haberá unha partida de 12.000 euros para 30 bolsas, nas que se pagarán 30 euros ao mes.

Outro cambio na convocatoria deste ano é a posibilidade de realizar unha ampliación de crédito se fora necesario polo dar cobertura a máis familias. Tamén a nivel práctico, inclúense dentro dos colaboradores á empresa que resulte adxudicataria da xestión dos comedores, xa que ata agora só actuaban como tales as ANPAS ou os colexios.

Á hora de establecer os baremos económicos para conceder a prestación, teranse en conta a situación económica familiar actual, debidamente acreditada se esta ten mudado dende a última declaración da renda. Ademais, tomarase como referencia a renda per cápita anual familiar, en cuxo cómputo se inclúen agora, por exemplo, como membros os fillos concibidos non nados.

As bolsas de comedor, explicou a concelleira, están destinadas ao 2º ciclo de Infantil e á Educación Primaria obrigatoria, co obxectivo de favorecer "a inclusión sociolaboral de pais e nais destes menores, unha alimentación sa e equilibrada dos menores de familias en risco de exclusión social e a conciliación familiar e laboral". Estenderanse nesta convocatoria de setembro de 2012 a xuño de 2013, ambos incluídos.

Documentos relacionados



Compartir: