CENTROS SOCIOCULTURAIS

"Vive o verán" aposta pola conciliación e lévaa tamén ás parroquias do rural

11/06/2012 O concelleiro de Centros Socioculturais e Participación Cidadá, Francisco Noya, presentou o programa Vive o verán 2012, que de desenvolverá durante os meses de verán en centros socioculturais e noutros espazos da cidade. A iniciativa, que comprende un total de 15 actividades, aposta pola conciliación familiar e laboral e por levar tamén a diversión aos centros do rural.

Vive o verán 2012 inclúe este ano diversas accións, algunhas delas xa habituais durante o ano e que continúan nos meses de verán, e outras específicas e novidosas como as Mañás de verán e de xogo. Nelas, nenos e nenas entre 4 e 12 anos, poderán gozar dunha programación especial nos centros socioculturais. Ademais, tamén se prepararon actividades noutros espazos públicos co obxecto de que a xente saia á rúa e viva o tempo estival.

As Mañás de verán e xogo apostan pola conciliación familiar e laboral. Serán ata sete accións agrupadas en tres localizacións urbanas (centros socioculturais de Vite, Conxo e As Fontiñas) e catro rurais, agrupadas por locais socioculturais: Marrozos, Eixo e Bornais; Busto, Nemenzo e Marantes; A Gracia, Grixoa e Lamascal; e Figueiras, Laraño e Villestro. As actividades celebraranse do 2 ao 31 de xullo, de luns a venres, en horario de 10:00 a 14:00 horas.

Os seis primeiros ofrecen ata 30 prazas cada un deles, con dúas modalidades de participación: mes completo (40 euros) ou por semanas (10 euros). O prazo de inscrición estará aberto do 12 ao 25 de xuño. As mañás dos tres centros urbanos terán cada unha un fío temático condutor: "Mañás en movemento" (Vite), Mañás de natureza e creatividade" (Conxo) e Mañás de pequenos artistas" (As Fontiñas).

No caso de Figueiras, e organizado pola Asociación Veciñal Nova Xeira coa colaboración do Concello, realizarase un campamento infantil. Neste caso o horario, tamén de luns a venres durante o mes de xullo, será de 9:00 a 14:00 horas. Está destinado a nenos de entre 5 e 12 anos. O prezo será de 50 ou 60 euros (dependendo no número final de inscritos) e a inscrición formalizarase a través da dirección de correo electrónico novaxeira@gamail.com.

Entre as sete localizacións ofértase un total de 210 prazas de conciliación. Estas súmanse ás outras 515 prazas ofertadas pola Concellería de Educación: 300 das Escolas de Verán e 215 da Escola de Verán de Inglés.

Quince actividades
Pero ademais deste programa de conciliación específico para as mañás, Vive o verán ofrece outras moitas actividades ao longo da rede sociocultural, todas elas de balde. Hainas abertas, como as incluídas no bloque denominado Movemento nos parques, Observando o ceo, Xogos tradicionais, Pedalea Compostela ou Imos ao baile. Outras requiren inscrición previa: Roteiros e obradoiro Facemos o videoclip. Tamén precisan inscrición e pagamento as saídas ao parque acuático de Cerceda e Imos de excursión.

O programa deste ano, segundo indicou Francisco Noya, caracterízase por conxugar actividades con boa acollida ano tras ano, actividades novas e outras renovadas e ampliadas. Entre as primeiras, repiten no programa as saídas ao parque acuático de Cerceda, as actividades de movemento no parque, os roteiros, a observación do ceo, os xogos tradicionais e o obradoiro infantil MusicArte, este ano adicado a elaboración dun videoclip.

Entre as novidades, salienta Pedalea Compostela, na que se xuntan exercicio físico e educación viaria. Así, afonda en cuestións de seguridade na condución en cidade e nas reparacións, engadindo o divertimento que supón unha excursión en grupo ó aire libre.

Tamén destaca unha nova incorporación ao paquete de Tardedarte no parque de Bonaval, o baile moderno. Proponse igualmente un exercicio de observación de xeobioloxía, cun convite práctico de percepción da terra con varas de zahorí. O programa inclúe a maiores nesta edición os bailes e as excursións.

O Concello inviste 10.000 euros neste programa. A redución do orzamento respecto da edición de 2011 non supón en ningún caso unha redución da programación, ao contrario, xa que, tal como indicou o edil, se minguou o gasto en horas de monitores, por ter incluído un maior número de horas a empresa adxudicataria da actividade sociociocultural.

Traslado do CSC de San Pedro á Trisca
Preguntado pola resolución do aluguer do local sociocultural de San Pedro e o traslado da actividade do mesmo ao CSC da Trisca, Francisco Noya reiterou a aposta municipal por eliminar os alugueres naqueles casos onde se poida optar por locais municipais. Insistiu en que a Trisca permitirá desenvolver as actividades nun local maior e mellor a penas a 200 metros e recordou que o local de San Pedro non cumpría a normativa en materia de evacuación de incendios e accesibilidade.

A redución da partida destinada en alugueres –dixo- traducirase nos novos orzamentos nun incremento proporcional da partida destinada a mantemento e reparacións dos centros socioculturais.

Compartir: