EMPREGO

A II Feira Internacional de Emprego adiántase ao verán co obxectivo de facilitar a selección para uns 400 postos de traballo

08/06/2012 Entre os días 19 e 20 de xullo, o Pavillón Multiusos Fontes do Sar volverá acoller a celebración de selección de candidatos e o programa de actividades paralelas da Feira Internacional de Emprego (FIE). Nestes intres estanse a manter dos contactos coas diversas empresas locais, galegas, españolas e internacionais co fin de ofrecer uns 400 postos de traballo.

Segundo explicou a concelleira de Emprego, Paula Prado, na presentación da Feira, esta segunda edición adiántase a xullo tras analizar diferentes aspectos do actual mercado de traballo. Así, indicou, é posible xerar máis ofertas de traballo nesta época, ligados fundamentalmente ao turismo e aos servizos, pero tamén pola apertura dos procesos de selección do novo Centro Comercial As Cancelas, que terá un apartado específico neste aspecto.

Coa FIE, o Concello compostelán aposta por desenvolver medidas eficaces de inserción laboral que dinamicen o mercado de emprego na cidade. Nos vindeiros días habilitarase na web da Axencia Local de Colocación un espazo para a inscrición de todas as persoas interesadas, que a poderán realizar entre o 15 e o 30 de xuño. Do 2 ao 12 de xullo realizarase a intermediación laboral entre os inscritos e as empresas.

A Feira seguirá sendo un instrumento útil para por en contacto as empresas cos demandantes de emprego. Nestes momentos, os técnicos da Axencia están a contactar con 2.000 empresas locais, galegas e estatais, co obxectivo de que unhas 100 participen, ofertando uns 250 postos de traballo. Tamén se está a falar con 225 firmas europeas, coa pretensión de que 12 delas estean en Santiago acheguen 100 ofertas de emprego, e con 375 de América, estimando a participación de 15 e a xeración de 45 ofertas. En total, o obxectivo é que as empresas participantes ofrezan 395 postos de traballo.

Primeira edición
Da importancia dun evento deste tipo dá conta a primeira edición, celebrada en novembro de 2011, na que participaron unhas 5.000 persoas. Inscribíranse na Feira 2.471 demandantes, co obxectivo de aspirar aos 492 postos de traballo ofertados. Remitíronse ás empresas 1.205 currículos e xeráronse 778 entrevistas, das que 568 foron posibles grazas á intermediación do Concello.

Do proceso de selección saíron 406 candidaturas axeitadas, das que 135 eran de homes e 271 de mulleres. Destas, 151 resultaron finalmente seleccionadas e 56 persoas xa foron contratadas.

Das 492 ofertas de traballo, 244 correspondían a Galicia, 48 eran para postos noutros lugares de España e 200 eran internacionais. Neste sentido, a concelleira expresou o seu convencemento de que, nesta edición, as ofertas doutros países terán máis demandas que na primeira Feira, debido á maior dispoñibilidade dos demandantes a saír fóra e porque na anterior edición a demanda no estranxeiro tiña un perfil moi específico.

Xornadas e exposición
A FIE incluirá tamén as Xornadas Internacionais "Os novos mercados de traballo e as estratexias innovadoras para a busca de emprego", con diversas conferencias e obradoiros. Ademais, o complexo albergará unha zona de exposición, no que as empresas participantes, pertencentes a todos os sectores de actividade laboral, poderán interactuar co público asistente, dando a coñecer as súas necesidades específicas e recollendo currículos.

Como novidade, poranse en marcha experiencias de co-working, co obxectivo de que as empresas poidan establecer contacto entre si para crear sinerxias para facer rendibles os seus servizos e manter os postos de traballo existentes.

Todas as actividades desenvolvidas durante as dúas xornadas da II FIE serán totalmente gratuítas.

Compartir: