BENESTAR SOCIAL

Xornada en Amio en prol da integración social das persoas con discapacidade

08/06/2012 O recinto feiral de Amio acolle este sábado, 9 de xuño, unha xornada en prol da normalización da discapacidade, organizada polo Equipo de Dinamización Urbana Santiago Norte, da Concellería de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego.

Entre varias entidades que traballan en prol da normalización e a integración social das persoas con discapacidade, xurdira hai uns meses a idea de celebrar unha xornada lúdica coa finalidade de promover a normalización da discapacidade na sociedade, garantir a igualdade de oportunidades e lograr a súa participación na sociedade. Así nace esta xornada, cuxas actividades comezarán ás 11:00 horas. A clausura do evento, coa entrega de medallas aos participantes por parte da concelleira de Benestar Social, Paula Prado, está prevista para as 17:00 horas.

Nesta xornada, todos e todas (mozos, maiores, profesionais, voluntarios…) poderán participar conxuntamente en diferentes actividades. Realizaranse competicións deportivas e obradoiros, así como exhibicións e actuacións. Así mesmo, preténdese que sexa unha xornada de portas abertas coa intención de promover a participación de toda a cidadanía nas actividades.

Celebraranse varios partidos de fútbol e baloncesto entre os que os que se acheguen o recinto. Formaranse equipos conxuntos entre usuarios, profesionais e voluntarios de entidades sociais e calquera interesado en participar.

Ademais, realizaranse obradoiros de manualidades e expresión artística, nos que se poderá participar libremente. Algúns destes obradoiros serán preparados polas propias entidades participantes. Por último, haberá diversas actuacións e exhibicións.

Esta iniciativa está incluída na medida denominada Programas de dinamización social, igualdade de oportunidades, formación e educación de colectivos en risco de exclusión no marco do Proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Documentos relacionados



Compartir: