EDUCACIÓN

Inaugurada na Galería Sargadelos a exposición "Un mundo de posibilidades"

07/06/2012 A concelleira de Educación, Rebeca Domínguez, inaugurou a exposición Un mundo de posibilidades, realizada a partir dos traballos dos nenos e nenas das escolas infantís municipais no marco do proxecto de arte do mesmo nome. A mostra estará aberta ata o 2 de xullo na Galería Sargadelos.

Un mundo de posibilidades pretendía "introducir aos nenos e nenas no mundo da arte de maneira amena, contribuíndo ao desenvolvemento harmónico da súa personalidade, así como sentar as bases que axudaran a desenvolver a sensibilidade artística dos nenos e nenas como futuros cidadáns", indicara na presentación da mostra a concelleira de Educación, Rebeca Domínguez. O proxecto contou coa colaboración de Xesús Carballido, artista plástico que utiliza a collage obxectual como técnica básica para a realización das súas obras. Tamén participaron diferentes agrupacións da Escola Municipal de Música e profesionais da fotografía.

A exposición recolle o traballo realizado ao longo do ano nas escolas infantís de Conxo, Fontiñas, San Roque, Tambre e Tras Parlamento, que acollen uns 300 alumnos e alumnas. A montaxe, usando as caixas, os obxectos reais que son significativos para os nenos e nenas de 0 a 3 anos e as súas familias, o texto, o vídeo, as fotografías e as proxeccións buscan ofrecer unha ollada ao redor do traballo artístico desenvolvido nas escolas.

Compartir: