DEPORTES

Festa do waterpolo alevín e benxamín na piscina municipal de Santa Isabel

07/06/2012 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou o campionato de waterpolo que acollerá a piscina de Santa Isabel en categoría alevín o sábado 9 de xuño. Participarán uns 90 rapaces e rapazas de oito clubs galegos.

Adrián Varela agarda que este campionato sexa unha "festa do waterpolo" e aproveitou para felicitar ao Club Waterpolo Santiago, organizador do evento, polo traballo que realizan no ámbito deste deporte. Precisamente, o club vénse de proclamar campión masculino da Copa Galega de Waterpolo, celebrada no mesmo escenario a anterior fin de semana.

Acompañaron ao concelleiro na rolda de prensa Javier Pérez e Antonio Caamaño, do Club Waterpolo Santiago, que destacaron que o sistema de competición –seis partes de tres minutos cada partido- facilita que todos os nenos e nenas poidan participar. En paralelo á competición alevín, celebrarase un campionato benxamín. Haberá medallas, camiseta e merenda para todos os participantes.

O Club Waterpolo Santiago aproveitou a rolda de prensa para presentar o campus de conciliación de verán que se celebrará nas dúas primeiras semanas de xullo, dirixido a rapaces e rapazas entre 8 e 14 anos. Ademais de waterpolo haberá clases de inglés e outras prácticas deportivas e de lecer. Celebrarase nas propias instalacións de Santa Isabel.

Compartir: