CULTURA

Pamina Trío pecha o ciclo Música de Cámara

06/06/2012 O Pamina Trío, un dos grupos máis sobresaíntes da súa xeración, pecha o xoves 7 o ciclo Música de Cámara cun concerto ás 20:30 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. As entradas, a 6 €, poden mercarse na billeteira do Teatro Principal e o mesmo día do concerto, dende as 18:00 horas, na do Auditorio de Galicia.

Dende a súa fundación en 2004 da man da violinista xaponesa Ikuko Kitakado, a clarinetista española Beatriz López e a pianista xaponesa Keiko Hattori en Salzburgo (Austria), os éxitos non tardan en chegar para o Pamina Trío. En pouco tempo conseguen dous primeiros premios en concursos internacionais, o VII Concurso de Música de Cámara de Vinaroz (España), organizado por Xuventudes Musicais, e o V Concurso Internacional de Música Marco Fiorindo, en Turín (Italia).

De novo en xuño de 2009 álzanse co máximo galardón no Concurso Internacional de Música de Les Corts, en Barcelona. Como consecuencia destes premios e dos valiosos estudos cos profesores Alois Brandhofer, Benjamin Schmid e Cordelia Höfer, o inicio da súa carreira internacional non se fai esperar e son habitualmente convidadas a recitais, festivais internacionais de música e xiras por Europa e Xapón. Os seus concertos son acollidos coas mellores reaccións tanto de público coma de crítica.

O Pamina Trío está claramente comprometido coa música do seu tempo e entre os seus proxectos inmediatos encóntrase o de dar a coñecer moitos compositores inxustamente descoñecidos, ademais de continuar co traballo no repertorio clásico que ofrece a formación de clarinete, violín e piano.

Compartir: