EDUCACIÓN

Unha exposición amosa o traballo das escolas infantís en torno ao proxecto de arte "Un mundo de posibilidades"

05/06/2012 O proxecto de arte Un mundo de posibilidades, desenvolvido nas escolas infantís da cidade entre novembro de 2011 e maio de 2012, culmina cunha exposición na Galería Sargadelos. A mostra inaugurarase o xoves 7, ás 17:30 horas, e permanecerá aberta ata o 2 de xullo.

Un mundo de posibilidades pretendía "introducir aos nenos e nenas no mundo da arte de maneira amena, contribuíndo ao desenvolvemento harmónico da súa personalidade, así como sentar as bases que axudaran a desenvolver a sensibilidade artística dos nenos e nenas como futuros cidadáns", indicou a concelleira de Educación, Rebeca Domínguez. O proxecto contou coa colaboración de Xesús Carballido, artista plástico que utiliza a collage obxectual como técnica básica para a realización das súas obras. Tamén participaron diferentes agrupacións da Escola Municipal de Música e profesionais da fotografía.

A exposición recolle o traballo realizado ao longo do ano nas escolas infantís de Conxo, Fontiñas, San Roque, Tambre e Tras Parlamento, que acollen uns 300 alumnos e alumnas. A montaxe, usando as caixas, os obxectos reais que son significativos para os nenos e nenas de 0 a 3 anos e as súas familias, o texto, o vídeo, as fotografías e as proxeccións buscan ofrecer unha ollada ao redor do traballo artístico desenvolvido nas escolas.

Ademais da concelleira de Educación, Rebeca Domínguez, participaron na presentación desta exposición José María Tutor, do Grupo Vendex, patrocinador do proxecto; o artista plástico Xesús Carballido; o fotógrafo Andrés Fraga e as directoras das escolas municipais infantís de Santiago.

Compartir: