URBANISMO

O Concello resolverá as adxudicacións dos solos industriais de Formarís e Costa Vella

01/06/2012 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, anunciou que se van resolver as adxudicacións dos solos industriais de Formarís e Costa Vella 3 e do enlace destes coa estrada N-550. O Goberno municipal considera que estas adxudicacións son nulas, por estimar que non podían terse realizado polo anterior Goberno en funcións.

María Pardo indicou que as dúas empresas adxudicatarias das obras de reurbanización de Formarís e Costa Vella solicitaron a formalización do contrato, mentres que a do enlace non o demandou ata o momento. Pero a decisión do Concello é a de non formalizar eses contratos, polo que, de non chegarse a un acordo, será un xuíz o que teña que decidir sobre esta cuestión.

Por considerar nula a adxudicación, a concelleira cre que "non haberá que indemnizar" ás adxudicatarias. De ter que facelo, a compensación sería, en total, da orde de 200.000 euros, correspondente á porcentaxe do importe de adxudicación previsto nos pregos administrativos para este suposto.

A responsable de Urbanismo lembrou que estes dous solos industriais, coas "cargas excesivas" derivadas de asumir o custo do enlace coa N-550, eran "inviables". Analizando o contexto presente, indicou que "non cremos que sexan necesarios na actualidade", considerando "suficiente" a oferta actual de solo industrial. E cara o futuro, afirmou que "debe ser a iniciativa privada a que os desenvolva".

Nos vindeiros días manteranse reunións coas empresas adxudicatarias e tamén con propietarios e expropiados. "Intentaremos tomar unha decisión que concilie os intereses dos propietarios e dos expropiados co interese público dos cidadáns de Santiago", dixo María Pardo. Resultan afectados polas expropiacións –indicou- cinco propietarios no caso dos solos industriais e entre 15 e 20 no da glorieta de enlace.

Reformulación de contas
A solicitude de formalización de contratos das dúas adxudicatarias foi un dos temas tratados no Consello de Administración de Emuvissa. No mesmo acordouse a reformulación das contas da entidade, a solicitude da auditora, para adaptalas á figura de empresa en disolución que é agora. De informar a auditora favorablemente estas contas, empezaríase a efectiva disolución de Emuvissa e a súa integración no Concello nos termos marcados no Plan de Axuste.

Tamén en relación á empresa, anunciou que os seus acredores xa comezaron a cobrar os importes pendentes, por un importe total de 1,5 millóns de euros, en virtude do crédito ICO subscrito polo Concello para o pago a provedores.

Venda de parcelas
Finalmente, deu conta da non presentación de ofertas para as sete parcelas postas en venda por Emuvissa nos polígonos SUP-7 de Pontepedriña, SUNP-14 de Tras Paxonal e SUNP-5 da Muíña. As parcelas pasarán a formar parte do patrimonio municipal, sempre coa finalidade de destinalas a vivenda de protección pública. "Se nalgún momento hai ofertas, abrirase o correspondente concurso para vendelas", explicou María Pardo.

Compartir: