EDUCACIÓN

O traballo escolar entorno á danza exhibirase no Auditorio a través de 16 coreografías

31/05/2012 A concelleira de Educación, Rebeca Domínguez, presentou o VII Certame de Danza Intercentros, enmarcado no programa Compostela en Danza. 173 bailarinas de entre 3 e 18 anos amosarán ao público o froito do traballo en torno á danza realizado ao longo do curso. A cita é o domingo 3 de xuño, ás 19:00 horas, na sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia.

Nesta sétima edición do Certame de Danza Intercentros participarán cinco centro escolares. Representarán 16 coreografías dos máis diversos estilos clásicos e modernos. A duración das pezas vai dende os dous aos dez minutos, configurando un espectáculo de aproximadamente hora e media. A entrada é de balde.

Acompañou á concelleira na presentación deste certame Beatriz Viñal, profesora da Asociación Cultural Danza Estellae Beatriz Viñal, que xunto con Eva Cancio, Silvia Miramontes e Mercedes Martínez, se encargaron das coreografías. Viñal salientou a consolidación do certame, que "ten vocación de ser o mellor programa de dinamización da danza de Galicia".

Participan nesta edición os seguintes centros: Colexio San José de Cluny, do CEIP Pío XII, IES Arcebispo Xelmírez I, IES Rosalía de Castro e CEIP López Ferreiro. Os seus alumnos e alumnas levarán ao escenario do Auditorio, por esta orde: Circus (varios), It’s a man’s world (James Brown), Paquita (L. Minkus), Bolero de Ravel (Maurice Ravel), Homenaxe a Momix (varios), Alicia no país das marabillas (varios), O lago dos cisnes (P.I. Tchaikovsky), 4 elementos (varios), Romeo e Xulieta (varios), A vida breve (Manuel de Falla), Canción do mar (Carmen Dor), Bolboretas (Charles Gounod), Farewell (L. Einaudi), Pretty Woman (Elvis Presley), Giselle (Adolphe Adam) e All together (varios).

A danza como recurso formativo
O Certame de Danza Intercentros quere seguir impulsando e apoiando o traballo que se está a realizar no eido da danza en educación infantil, primaria e secundaria. Logo de sete edicións, son moitos os alumnos e alumnas dos centros de ensino da cidade que participan nesta actividade de promoción da danza.

Dende o punto de vista pedagóxico, a danza pode ser un recurso moi importante para a formación dos alumnos e alumnas. A través desta modalidade artística, poñen de manifesto a súa dimensión corporal, cognitiva e afectivo-social. Nas clases trabállase a musicalidade, o ritmo, a expresión corporal, a elasticidade, a resistencia, a forza, a axilidade, o control corporal, a coordinación, o equilibrio, a corrección postural, a memoria, a sociabilización, a superación da timidez, a relaxación, a confianza e a autoestima.

Documentos relacionados



Compartir: