LEMBRANZA

Máis dun cento de persoas conmemoraron o levantamento de 1846

24/04/2006 O domingo 23 de abril, ás sete da tarde, exactamente 160 anos despois da rendición de Solís, a Concellaría de Cultura celebrou un acto conmemorativo do levantamento de 1846. O acto, na Praza da Inmaculada, comezou cunha introdución do concelleiro Néstor Rego, seguido por unha actuación do trío de violonchelistas Chelicia e unha lectura de poemas a cargo de María do Cebreiro.

Máis dun cento de persoas acodiron á Praza da Inmaculada, onde se leron varios textos de María do Cebreiro e o grupo de violonchelos Chelicia interpretou tres pezas: Meus amores, Os teus ollos, e Negra sombra. O final do acto coincidiu coa hora na que os líderes do levantamento contra o Goberno de Narváez, durante a coroa de Isabel II, foron derrotados e detidos. Algúns foron desterrados, e a outros fusilóuselles en Carral cando ían ser xuzgados.

Ademais, a Concellería de Cultura editou unha publicación conmemorativa deste acontecemento histórico que foi presentada tamén no transcurso desta celebración. O domingo 23 foi tamén o Día do Libro, polo que varias librarías da cidade estiveron abertas e mesmo instalaron postos na Praza do Toural. Os composteláns que mercaron libros en galego ao longo do día, recibiron de agasallo esta publicación que conmemora o 160 aniversario do levantamento galego en Santiago.

O martes 2 de maio, ás 19:00 horas, o concelleiro de cultura, Néstor Rego, e o historiador Xusto G. Beramendi, que fai unha colaboración na publicación, presentarana na Feira do Libro, que comeza o vindeiro venres 28 no Paseo da Alameda, e na que tamén se agasallará con esta publicación a todos aqueles que merquen un libro na nosa lingua.

Compartir: