PARQUES E XARDÍNS

O parque de Ramírez converterase nun espazo versátil, funcional e máis seguro

29/05/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e a concelleira de Obras, Infraestruturas e Medio Ambiente, María Castelao, visitaron o parque de Ramírez e presentaron o anteproxecto que o Concello elaborou para este espazo. A actuación permitirá eliminar os seus actuais problemas de seguridade e incorporará unha pista deportiva e un circuíto biosaudable. O investimento será de 400.000 euros.

Ángel Currás indicou que o proxecto converterá o parque de Ramírez nun espazo "máis versátil e máis funcional, eliminando a falta de seguridade existente". Incorporará "uns equipamentos axeitados, con novo mobiliario, cun circuíto saudable e con vexetación acorde coa zona", engadiu. Esta actuación completarase coa recuperación para o lugar do tradicional cruceiro, que agora está en Sar.

Os detalles do anteproxecto explicounos María Castelao, quen salientou, respecto á obra civil, a retirada dos montículos que, na actualidade, causan problemas de visibilidade para os pais e entre as zonas de xogo". Por iso unificaranse as zonas de xogo.

Entre as novas instalacións previstas destaca a creación dun circuíto biosaudable e tamén dunha pista multideportiva. Tanto a parte de abaixo desta pista como o propio parque estarán pechados pola noite para "evitar actos vandálicos", dixo. Construirase un borde de formigón cun peche metálico. O proxecto inclúe tamén a colocación de novos pavimentos. O parque estará adaptado a persoas con dificultades de mobilidade.

No eido da xardinería, para acometer a obra, trasladaranse as especies vexetais do parque, fundamentalmente liquidámbares, ao viveiro municipal. Recuperaranse e recolocaranse ao rematar a intervención. No novo espazo, a xardinería adaptarase á nova estrutura, facilitando a visibilidade e seguindo un modelo semellante en canto a especies ao da costa da Camelia.

Este anteproxecto inclúe os requirimentos técnicos básicos que deberá levar o parque, incluído o seu mantemento, pero as características dos seus elementos "están abertas á imaxinación", afirmou María Castelao referíndose ao concurso aberto que determinará a empresa que realizará a intervención. "Queremos que sexa un deseño innovador e que responda ás novas demandas do Ensanche", dixo.

Proxecto participativo
Neste sentido, recordou que o anteproxecto recolle moitas das suxestións realizadas polos veciños da zona, cos que se seguirá mantendo conversas nas vindeiras semanas. Apuntou que por este parque pasan unhas 75.000 persoas ao ano.

En canto aos prazos, a concelleira agarda a que mediados do verán se poida licitar o proxecto e que, a partir de aí, se licite no prazo duns dous meses. As obras, un prazo de execución de catro meses, comezarían así a finais de outono, co obxectivo de telas rematadas antes da primavera. Contémplanse estas datas por dúas razóns: por ser a época máis favorable para a retirada dos liquidámbares e porque se quere que o parque estea listo para a época onde máis usuarios empregan este espazo.

Mentres duren as obras, os pequenos e as súas familias probablemente poidan empregar a superficie de xogo do antigo Colexio Peleteiro. O alcalde indicou que se lle fixo a proposta aos antigos propietarios do centro e que o acondicionamento da área non suporía a penas investimento, posto que xa funcionaba como área de xogo dos rapaces do colexio.

Documentos relacionados



Compartir: