EDUCACIÓN

Ábrese o prazo de inscrición para a Escola Municipal de Verán de Inglés

28/05/2012 A concelleira de Educación, Rebeca Domínguez, anunciou a apertura do prazo de inscrición na Escola de Verán de Inglés, que se desenvolverá do 2 ao 31 de xullo no IES Rosalía de Castro. O programa foi aprobado na Xunta de Goberno, cun orzamento de 38.000 euros. O prazo de inscrición estará aberto ata o 8 de xuño.

Ata un máximo de 215 alumnos e alumnas poderán participar na Escola de Verán de Inglés. As familias poden optar por que os rapaces acudan do 2 a 31 de xullo ou do 17 a o 31 de xullo, en horario de 9:00 a 14:00 horas, no IES Rosalía de Castro. Non obstante, a recepción farase diariamente dende as 8:15 horas.

A proposta está dirixida a estudantes empadroados ou escolarizados en Santiago de 1º de Primaria a 2º da ESO (ambos inclusive). Segundo sexa o seu nivel de inglés serán logo incluídos nun ou noutro grupo. A Escola de Verán de Inglés combina as clases de inglés con obradoiros lúdicos, para aproveitar o tempo de actividade non escolar e practicar e mellorar o nivel de inglés.

O prezo da matrícula para todo o curso (do 2 ao 31 de xullo) será de 180 euros. Aqueles que participen só durante unha quincena pagarán 120 euros. En ambos casos están fixados descontos para os segundos e posteriores fillos de familias numerosas, de xeito que estes pagarían, respectivamente, 140 ou 96 euros.

Os interesados teñen que presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral do Concello (rúa Presidente Salvador Allende, 4 – baixo) ou no rexistros auxiliar do Ensanche. Máis información nesta web, nos teléfonos 981 554 400/401, no fax 981 571 511 ou na dirección electrónica dptoeducacion@santiagodecompostela.gal.

Campamento urbano
A concelleira aproveitou tamén a rolda de prensa para lembrar que o Departamento de Deportes cede varias instalacións municipais para as actividades doutro campamento de inglés previsto no mesmo IES Rosalía de Castro, pero neste caso organizado pola escola English In Motion. Está destinado a rapaces de entre 3 e 16 anos e desenvolverase do 25 de xuño ao 31 de xullo.

Día de Portas Abertas
Por outra parte, o venres 8 de xuño celebrarase o día de portas no Concello, polo que Rebeca Domínguez convidou a todos os centros escolares de Compostela a visitar Raxoi nesta xornada.

Documentos relacionados



Compartir: