URBANISMO

María Pardo agradece a confianza da Xunta no urbanismo de Santiago en prol da axilización de licenzas no perímetro azul

28/05/2012 Constituíuse en Raxoi a Comisión Mixta do Perímetro Azul, en virtude da cal se concretou a delegación de competencias na concesión de licenzas no devandito ámbito a favor do Concello de Santiago. Esta cesión permitirá axilizar concesión de competencias en torno a dous meses.

A concelleira de Urbanismo, Vivenda, Rehabilitación e Cidade Histórica, María Pardo, expresou o seu agradecemento á Xunta de Galicia pola "confianza no urbanismo de Santiago" a través dunha delegación "extraordinaria" como esta. O Goberno autonómico estivo representado na Comisión mixta polos directores xerais de Administración Local, Norberto Uzal, e de Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel. Polo Concello tamén participou, ademais do alcalde compostelán, Ángel Currás, o concelleiro de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Tráfico, Albino Vázquez, ademais de responsables do Departamento de Urbanismo.

En palabras de María Pardo, esta delegación supón a aplicación do principio de "eficiencia administrativa" a favor do "interese público". A cesión de competencias farase efectiva no prazo aproximado dun mes, mediante un decreto da Xunta, estimou a edil. A delegación outórgase por un prazo de dez anos renovables.

Na actualidade, a concesión de licencias no ámbito de protección do chamado perímetro azul do Casco Histórico, esixía unha autorización a cargo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. Isto implicaba un retraso no outorgamento do devandito permiso. Agora, o Concello non deberá solicitar este visto bo e unicamente deberá remitir cada seis meses un informe das licenzas concedidas

Futura delegación arqueolóxica
Quedan excluídas da cesión os bens de interese cultural (BIC), o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e obras arqueolóxicas. Non obstante, a propósito destas, a concelleira anunciou que se vai elaborar un Plan Especial Arqueolóxico, co fin de solicitar tamén a delegación de competencias nesta materia.

Documentos relacionados



Compartir: